Yago Iglesias: "O Pontevedra demostrou por que está a pelexar por gañar esta liga"

Pontevedra
13 de abril 2025

O técnico granate mostrou a súa satisfacción polo rendemento do equipo en Salamanca que o achega ao ascenso, pero prefire manter a calma e centrarse no traballo diario

Partido entre Pontevedra CF e Llanera en Pasarón
Partido entre Pontevedra CF e Llanera en Pasarón /

"Fixemos un gran partido ante un gran rival". Así arrincou a rolda de prensa do adestrador do Pontevedra Club de Fútbol, Yago Iglesias, despois da vitoria do seu equipo por 1-3 fronte ao Salamanca.

"O Pontevedra demostrou por que está a pelexar por gañar esta liga. Impuxémonos en todas as facetas do xogo e ao final merecemos levar os 3 puntos", recoñeceu.

Iglesias tamén lamentou que o partido non se pechase antes, pero valorou a reacción do seu equipo despois do gol do Salamanca.

"O terceiro gol tiña que chegar antes. Tiñamos claro que debíamos xerar vantaxes. Na primeira parte o equipo estivo moi ben e na segunda, con ese paso adiante deles, tivemos que facer un xogo máis directo. No momento que eles marcan o gol, nós aos minutos marcamos o terceiro", sinalou.

Pero aínda que o ascenso está practicamente encarrillado, o adestrador non quere dar nada por feito.

"Somos ambiciosos, pero temos que facer o que depende de nós. Matematicamente non hai nada pechado e o equipo entende que hai que sacar os tres puntos. Hoxe tivo especial mérito co cambio de adestrador no Salamanca, non sabiamos que nos íamos atopar e o equipo estivo moi ben", declarou.

Finalmente, Yago Iglesias valorou a evolución do conxunto granate con respecto á tempada pasada, destacando a solidez do proxecto actual.

"As cousas chegan cando teñen que chegar, seguramente ascender o ano pasado a día de hoxe daríanos outras cousas, pero non nos daría este grupo, a Copa do Rei excelente que fixo o equipo, o ano que fixo e esta base sólida que temos, que é a base para facer un proxecto", concluíu.