Yago Iglesias sobre o partido fronte ao Torrelavega: "Temos que ter o cinco sentidos postos"

Pontevedra
13 de decembro 2024
Actualizado: 14:34

O técnico granate espera un "partido complicado" fronte a unha Gimnástica de Torrelavega "moi exixente"

Yago Iglesias, no partido entre Pontevedra e Bergantiños en Pasarón
Yago Iglesias, no partido entre Pontevedra e Bergantiños en Pasarón /

O Pontevedra Club de Fútbol afronta este domingo ás 17:00 horas o último partido na casa antes do parón do Nadal, no que buscarán deixar en Pasarón tres puntos cos que alargar a boa dinámica do equipo.

En fronte terán a unha Gimnástica de Torrelavega "moi exixente máis aló da clasificación" e que desde o cambio de adestrador está en boa dinámica.

"Temos que ter o cinco sentidos postos", indicou o técnico granate, Yago Iglesias, quen afirmou que o conxunto cántabro é un dos equipos que máis xera, "compite e fai as cousas moi ben, pero non está a sacar o rédito que merece".

Para o adestrador, trátase dun equipo que fai moitas cousas ben dentro da categoría e mesmo "mellor que outros que están en postos altos. Velos a nivel individual e colectivo e teñen moitos argumentos para competir contra calquera", sinalou.

O Pontevedra, pola súa banda, deixou atrás a semana de tres partidos para centrarse única e exclusivamente na xornada de liga, priorizando a recuperación durante os primeiros días para despois planificar o encontro fronte á Gimnástica en Pasarón, onde tentarán pechar o pano con boas sensacións e tres puntos máis na súa marcadora.

Os xogadores granates chegan á cita coas pilas cargadas e recuperados tanto a nivel mental como físico, pero convencidos de que "vai ser un partido complicado", polo que deberán manterse ao mesmo nivel que até agora para, polo menos, estar preto de gañar e continuar na liña positiva.