O Pontevedra Club de Fútbol regresa á Boa Vila cun novo empate fóra de casa, esta vez contra o recentemente ascendido Cayón, que se adiantou aos dez minutos cun gol en propia de Garay, algo que para Iago Iglesias foi condicionante no plan partido dos seus.
Na rolda de prensa de despois do partido, o técnico granate admitiu que ao equipo faltoulle "tentar aproveitar máis as primeiras transicións cando recuperabamos balón. Cando te enfrontas a un equipo que defende con oito xogadores en área rival é difícil atopar ocos", lamenta.
Iglesias considera que "empezamos a facer o noso plan de partido e logramos empatar, e xa a segunda parte foi completamente nosa, tentando xerar ocasións de gol que non conseguimos por déficit de acerto no último pase e na finalización".
Ademais, "a defensa do Cayón estaba moi preto e para xerar ocasións e vantaxes tes que ter acerto, bo centro ou accións individuais. Ao final o colectivo é estar posicionados para xerar homes libres por fóra e meter a pelota na área, pero aí dependes do xogador".
É por iso que a sensación coa que queda o adestrador granate "non pode ser positiva porque non gañamos", e iso que "o Pontevedra fixo todos os méritos para conseguir os tres puntos" mentres "o Cayón co seu xogo directo xerou a única ocasión de gol de todo o partido".