Yago Iglesias: "É o momento de que outros xogadores dean un paso adiante"

Pontevedra
18 de outubro 2024

A lesión de Churre aínda non está asimilada dentro do Pontevedra, pero desde o club insisten en que deben centrarse no partido deste domingo para que Pasarón volva ver gañar o equipo

Partido de liga entre Pontevedra e Marino de Luanco en Pasarón
Partido de liga entre Pontevedra e Marino de Luanco en Pasarón / Cristina Saiz

A lesión de Churre aínda non está asimilada dentro do Pontevedra, pero desde o club insisten en que deben centrarse no partido deste domingo fronte ao Rayo Cantabria para que Pasarón volva ver gañar o equipo.

"Non pensabamos que fora desta magnitude a lesión", admitiu o adestrador granate Yago Iglesias, quen recoñeceu que dentro do plantel hai xogadores suficientes "para facer un once competitivo e suplir a baixa de Churre". Iglesias exponse "dúas opcións", pero será despois do adestramento do sábado cando "tomaremos a decisión".

O obxectivo, en todo caso, está máis que claro dentro do equipo: "Queremos gañar. Si xa de seu é a nosa motivación, esta semana temos dobre motivo", sinalou o adestrador.

E é que aínda que a baixa do central marinense sentou como un xerro de auga fría dentro da parroquia granate, Yago Iglesias valora que, aínda que "me gusta dar continuidade na liña defensiva, agora é o momento de que outros xogadores dean un paso adiante. Arriba buscamos alternativas, pero a defensa necesita continuidade para asentarse, sobre todo nun modelo tan claro como o noso de xogar en campo contrario", indicou.

Iso si, o técnico está convencido de que "os 18 convocados van render ao douscentos por cen. Teño cero dubidas co colectivo. É unha familia e hai un bo ambiente que se extrapola ao terreo de xogo. Estamos contentos, traballamos para ser cada semana mellor e estamos preparados para o que veña por diante".

Por último, Yago Iglesias analizou o Rayo Cantabria como un rival diferente ao resto de filiais, xa que "defensivamente está moi cómodo e non ten que levar a iniciativa do xogo. A súa principal característica", de feito, "é que está cómodo en partidos longos".

Con todo, o técnico advirte de que en Pasarón os equipos están a expor cousas diferentes ao que están afeitos, pero recoñeceu que o partido ante o Marino de Luanco serviu como aprendizaxe "para saber o que nos rivais pódennos plantexar. Témolo como referencia para dar un paso adiante", concluíu.