Yago Iglesias: "Imos ter que crecer cada semana"

Pontevedra
03 de setembro 2023

O Pontevedra Club de Fútbol iniciou este domingo a súa andaina por Primeira RFEF cunha inmerecida derrota ante a Gimnástica de Torrelavega  

Yago Iglesias, no partido de liga entre Pontevedra CF e Gimnástica de Torrelavega en Pasarón
Yago Iglesias, no partido de liga entre Pontevedra CF e Gimnástica de Torrelavega en Pasarón / Cristina Saiz

O Pontevedra Club de Fútbol iniciou este domingo a súa andaina por Primeira RFEF cunha inmerecida derrota ante a Gimnástica de Torrelavega.

"Dáme mágoa perder, pero sobre todo ante a nosa afección e co ambiente que houbo hoxe, sobre todo na segunda parte", lamentou Yago Iglesias na rolda de prensa tras o partido. A iso hai que sumarlle a lesión de Borja Domínguez que, "polas sensacións que ten, vai ser algo complicado".

O técnico granate recoñeceu que "na primeira parte non estivemos certeiros, cómodos, nin ben posicionados para atacar a estrutura defensiva do Torrelavega e non eramos capaces de finalizar xogada. Xa na segunda é un querer e non poder", onde houbo infinidade de ocasións pero ningún balón quixo entrar na portería.

A diferenza do Pontevedra, o cadro visitante si que foi efectivo tirando dúas veces a portería e marcando as dúas, algo que a Iglesias non lle gustou. "O que non quero é que me cheguen poucas veces e teña tanto bagaxe ofensiva. Quero facer goles pero que non os marquen, sobre todo nun día como hoxe no que non estás acertado", confesou.

O cambio que se viu no verde na segunda metade veu en parte favorecido aos cambios do adestrador, facendo que "Álex, Rufo ou Jaichenco destaquen un pouco máis, abrindo a bandas, pechando ao equipo rival por dentro e buscando o centro á área".

Con todo, o muro defensivo do Torrelavega foi imposible de derrubar e "o plan saíulles ao cento por cento". Para Yago Iglesias, "é un equipo que defende moi ben, xunta moi ben liñas e a partir de aí o plan da primeira parte non nos saíu. Para min é un dos mellores da categoría".

E aínda que a liga acaba de empezar, o adestrador granate cre que "cando o resto de equipos vexan o que fixo a Gimnástica seguro que copian cousas". Mentres, o Pontevedra buscará seguir sentando as bases nun plantel que é practicamente nova, por iso cre que "cando hai tres puntos polo medio, van facer que o equipo creza e se de conta de que hai bos equipos. Imos ter que crecer cada semana porque imos atopar moitos partidos así e outros nos que o rival xogue de ti a ti".