Tras a derrota do Pontevedra Club de Fútbol ante o Real Avilés, Yago Iglesias compareceu en rolda de prensa para analizar o encontro. A pesar do mal resultado, o técnico granate mostrouse satisfeito co xogo do seu equipo, especialmente na segunda metade.
"Sabiamos da dificultade, aínda que, visto o visto, mereciamos algo máis. O mínimo sería o empate, pero isto é fútbol. Eles creo que tiveron tres achegamentos, nós tivemos varias e non fixemos gol", declarou o adestrador, quen recoñeceu a eficacia dos locais na xogada do gol.
"É unha boa acción deles, unha boa circulación e cambio de orientación. Cóllennos as costas, pero nós na segunda parte demos un paso adiante, fomos o Pontevedra que habitualmente somos e que grazas a iso está na posición que está na táboa, pero faltounos gol. Maniatamos ao rival, fomos o equipo que máis problemas lle xerou ao Avilés. Ímonos amolados pola derrota, tiñamos unha oportunidade boa para ver o futuro a curto prazo mellor, pero quedamos coa imaxe e o bo facer do equipo na segunda parte", admitiu.
De cara ao crucial partido do mércores ante o Numancia, Iglesias restou importancia ao carácter decisivo do encontro.
"Todos os partidos son importantes, o do mércores, quedando aínda oito xornadas, non vai ser definitivo, sobre todo polos puntos que hai en xogo", aínda que está claro que os granates van ir a por un triunfo que achande o terreo de face ao final de tempada.
Durante a rolda de prensa, o técnico tamén valorou o regreso de Dalisson tras a súa lesión e recoñeceu que se trata dunha boa noticia. "Necesitamos ter a todos os futbolistas, pero aínda é pronto, necesita un período de rendemento en competición para coller forma. Hoxe estivo ben, volveu a ter dúas ocasións claras, é ese xogador que xera moitas cousas non só cando ten a pelota, senón o que xera aos compañeiros pola dificultade na que pon aos defensas contrarios", sinalou.
Iglesias, ademais, eloxiou o ambiente no estadio Suárez Puerta e destacou o bo xogo de ambos os equipos. "O ambiente foi espectacular, a súa afección axudoulles nos minutos finais. Creo que se viu un partido no que os dous equipos, cos seus matices, foron a buscar a vitoria".
A pesar da derrota, o adestrador mostrouse satisfeito coa imaxe do seu equipo. "Voume amolado por perder, pero contento por como perdemos. Importancia a como queremos gañar. Cando nos toca perder, hai que ver que se perda nesa liña. En fronte hai un bo equipo, levouse a vitoria e toda a sorte do mundo de aquí en diante".
Finalmente, Iglesias o adestrador asegurou que, aínda que se vai amolado pola derrota, vaise contento por como perderon.