Yago Iglesias pon o foco na liga: "O granate que vén cada fin de semana sabe o que é importante"

Pontevedra
29 de novembro 2024
Actualizado: 13:54

O técnico granate, que anuncia rotacións, quere centrarse no partido deste sábado (20.00 horas) en Pasarón fronte a un rival directo como o Salamanca antes de mirar cara á Copa do Rei

Yago Iglesias, no partido entre Pontevedra e Avilés en Pasarón
Yago Iglesias, no partido entre Pontevedra e Avilés en Pasarón /

Vén de novo unha semana exixente para o Pontevedra Club de Fútbol, con tres encontros ao ter que afrontar dous choques de liga e a ilusionante eliminatoria de Copa do Rei fronte ao Villarreal.

Unha circunstancia que afecta á planificación e preparación do plantel granate pero que non desvía o foco de Yago Iglesias, centrado na comeptición de Segunda RFEF porque "a liga é do que vivimos".

O técnico recoñece que o cambio de data do partido deste sábado (20.00 horas) fronte ao Salamanca CF UDS "condiciónanos. Quítanos un día de preparación, pero, bueno, tamén nos dá un día máis para descansar", afirmou este venres en rolda de prensa.

Iglesias asegura que o seu equipo se centrou en "preparar o partido coa importancia que ten, que é máxima", non en balde chega a Pasarón "o mellor equipo do grupo no cinco últimos partidos, con 12 puntos de 15 posibles".

Un Salamanca, analiza, que "a pesar de ser un recentemente ascendido, é un histórico do fútbol español e cando lle ves o plantel longo que ten, a experiencia que teñen os seus xogadores, a calidade...".

"Rende moi ben fóra da casa. É un equipo moi vertical, que ten moita calidade individual, que é capaz de facer dano en practicamente calquera situación de xogo, e por iso vainos a obrigar a dar a nosa mellor versión", profundou sobre o seu próximo rival en liga, actual quinto clasificado,

Yago recoñece que, do mesmo xeito que a anterior semana con partido de Copa, pódense esperar rotacións. "Hai que, desde a nosa parte, desde o corpo técnico, xestionar esforzos", avanzou, aínda que "todos queremos sacar o mellor once".

"Eles saben que vai ser así. Entón, creo que é unha motivación extra para todo o plantel", explicou sobre os seus xogadores, engadindo que en todo caso "esta semana chega en bo momento porque todos os fútbolistas disputaron xa partidos como titular".

En canto á afección o preparador dos pontevedreses ten claro que "non se lle pode pedir máis", pero defende antes de mirar cara ao Villarreal centrarse na liga, e é que "o granate que vén cada fin de semana sabe o que é importante, sabe que este partido de mañá é moi importante", concluíu o adestrador granate.