O Pontevedra Club de Fútbol tentou ao longo desta semana esquecer a derrota contra o Numancia e enfocarse no seu novo rival desta fin de semana, o Deportivo Fabril (Pasarón, 17:00 horas). Aínda que "o inicio de semana non é o mesmo cando se gaña que cando se perde, o equipo está centrado", afirmou Yago Iglesias.
As saídas a Compostela e Soria foron complicadas e o inicio da competición un reto para os granates, que se atopan "cansados" despois da partida homenaxe a Yuri deste mércores en Ponferrada e "non preparamos o partido como nunha semana limpa", indicou o técnico. "Xogar o mércores afecta o ritmo dos xogadores, as horas de descanso son máis complexas", comentou.
En todo caso, a parte positiva é que o partido entre semana serviu para darlle minutos a xogadores menos habituais e que vaian collendo ritmo de competición. "Aos poucos os xogadores novos e os que continúan iranse axustando máis. Temos moita continuidade de xogadores e o que é a nosa idea está ben asimilada, os novos teñen que acabar de entendela. Iso faise con minutos e temos marxe de mellora. Temos que seguir construíndonos como equipo" para estar preparados e que os rivais "non nos soprendan" como ocorreu co Numancia. "Os xogadores irán gañando máis presenza en onces titulares ou en cambios con maior incidencia. Aí está o crecemento do equipo", sinalou.
Con todo, o que segue fallando no equipo é a concentración. De feito, o adestrador insistiu esta semana en que o equipo ten que manterse concentrado durante os 90 minutos que dure o partido. "Temos que tentar manter o nivel. É difícil someter en campo contrario ao rival de calquera categoría e Segunda RFEF menos, sobre todo fóra de casa" pero en Numancia perderon o partido durante o primeiros vinte minutos e en Compostela durante o últimos vinte. "Queremos axustar iso, que o equipo entenda que non nos chega con corenta e cinco, sesenta ou oitenta. Temos que estar ao cento por cento os noventa minutos".
En canto ao Deportivo Fabril, "tiveron moitas cambios, pero é igual que o Valladolid, un filial dun equipo profesional". Neste caso apostaron pola continuidade do adestrador e "Óscar ten unha serie de comportamentos moi claros, sobre todo a nivel defensivo. Os xogadores que ficharon danlle outras características e aí está a evolución do equipo e o que nós teremos en conta", subliñou.
Igual que as anteriores xornadas, Yago Iglesias non poderá contar con Javi Fontán, quen "arrastra molestias desde a última semana de pretemporada. "Non se lle deu maior importancia ao principio. Mantívose á marxe no primeiro partido e a segunda semana tivo boas sensacións, pero volveu queixarse. Agora está parado aínda que non é grave, pero necesita tempo para desconxestionar a doenza muscular. Non podemos contar con el polo momento", explicou.