"A palabra clave é espectacular". Así arrincou a rolda de prensa de Yago Iglesias este martes no Estadio Municipal de Pasarón tras eliminar un equipo da Segunda División como o Levante.
"Non se lle pode pedir máis a este equipo, xogando contra un rival de superior categoría, coa personalidade que tivo, a idea de xogo clara que nos caracteriza. Creo que isto fainos crecer", defendeu o técnico granate.
Yago asegura que "o único que lle pedín ao equipo é que fose valente e demostrase por que na liga competimos como competimos".
Aínda que recoñece que "hai un condicionante, que é a expulsión", defende tamén que "non lembro un partido nesta tempada e media, na nosa categoría ou no play-off, de xerar tanto e ter esa sensación tanta superioridade, con todo o respecto ao rival e sabendo cales eran os seus condicionantes".
Por iso "creo que no terreo de xogo non se viu a diferenza na categoría hoxe", afirmou.
"Este é o pontevedra que queremos tanto a nivel individual como colectivo", sinalou tamén o preparador moi satisfeito porque "a imaxe que demos a toda España é espectacular e oxalá con partidos como o de hoxe anímese máis xente e haxa máis xente en Pasarón".
Unha vitoria que lles dá ganas de "seguir traballando para dar versións mellores que a de hoxe, pero estará difícil", asegura mirando xa a un bombo no que aparecen rivais de Primeira División, aínda que "non sei nin os que hai no bombo, o equipo que veña imos xogar igual e gozalo", avanzou.
JULIAN CALERO, MOI CRÍTICO COA IMAXE DO SEU EQUIPO
Se Yago Iglesias era todo alegría e bo humor na sala de prensa de Pasarón, Julián Calero era todo o contrario.
O adestrador do Levante afirmou que "esta manéa de perder non é digna do noso escudo, nin de nós, nin do que representamos. Por tanto, o culpable son única e exclusivamente eu".
"É verdade que a expulsión condicionou todo ou partido, iso é certo, pero non nos podemos escudar niso", defendeu Calero contrariado porque "un equipo dúas categorías inferiores gañounos 4 -1, nin máis, nin menos".