Yago Iglesias e a volta contra o Deportivo Aragón: "Isto é Pasarón e esperemos que se faga notar"

Pontevedra
16 de maio 2024

O adestrador do Pontevedra Club de Fútbol cre que "se a afección nos bota un cable vai axudar moito" para conseguir remontar a eliminatoria fronte ao filial maño

Yago Iglesias, no seu primeiro adestramento co Pontevedra
Yago Iglesias, no seu primeiro adestramento co Pontevedra / Cristina Saiz

O Estadio Municipal de Pasarón será decisivo para determinar se o Pontevedra Club de Fútbol segue vivo na pelexa polo ascenso a Primeira RFEF, coa obrigación de remontar na volta (domingo 19, 18.00 horas) a eliminatoria fronte ao Deportivo Aragón.

"Isto é Pasarón e esperemos que se faga notar", afirmou este xoves en rolda de prensa o adestrador do equipo granate, Yago Iglesias, quen cre que "se a afección nos bota un cable vai axudar moito" a voltear o resultado adverso da ida.

"Sabemos o que temos que facer e o que temos que mellorar", analizou o técnico defendendo que "o estar obrigados a gañar creo que no noso caso nos pode vir ben".

Entre eses aspectos "temos que mellorar en campo contrario, porque o outro día na segunda parte o equipo non foi incisivo, non tivo ese colmillo", por iso pide aos seus "ser o Pontevedra da competición regular, ese Pontevedra que cando chega a campo contrario é agresivo, un equipo que non se conforma co 1-0".

Tamén será importante pechar a vía aberta no balón parado defensivo, un asunto que se converteu en toda unha laxa nas últimas semanas. "Dinche que non penses nun elefante rosa e que che vén á cabeza, pois iso é o que nos está a pasar. Canto máis voltas lle damos á historia e ao elefante rosa que son os córneres máis veñen. Que decidimos despois de tanto cambio e demais? Non falar do elefante, darlle naturalidade. É evidente e percíbese, cada vez que hai unha situación de xogo dinámico na que hai unha situación de posible centro, o propio xogador que vai tapar ese centro xa vai con medo da ver se lle dá no pé e vai para córner. Analizámolo, vímolo, pero temos que optar por isto. Imos optar por non pensar no elefante rosa para ver se cambia a cousa", explicou Yago Iglesias.

O adestrador do Pontevedra incidiu ademais na súa comparecencia na importancia do factor anímico e de "ter ese corazón, esa valentía e ganas para darlle a volta á eliminatoria".

Por último, Yago referiuse tamén aos problemas de pube que arrastra en datas recentes o capitán Álex González, asegurando que "esta semana está mellor", polo que a súa presenza na convocatoria semella asegurada.