"Creo que o Pontevedra fixo todo o posible para levar os tres puntos, pero ao final non estivo acertado". Así comezou a rolda de prensa de Yago Iglesias, adestrador do conxunto granate, despois da derrota pola mínima ante o Marino de Luanco en Pasarón.
Iglesias recoñeceu a frustración do equipo xa que "practicamente vivimos os 95 minutos en área rival, pero o Marino defendeu ben,o seu porteiro e os seus centrais foron o mellor do equipo. Ao final, cando non estás acertado, non es capaz de marcar, e eles, con practicamente a única que tiveron, levan os tres puntos. É difícil de explicar, pero esa é a realidade deste deporte. Moitas veces facendo as cousas ben non che chega para gañar", lamentou.
O adestrador do Pontevedra tamén analizou a fraxilidade defensiva que está a ter o seu equipo no que vai tempada e é que, con pouco que lle xeren, xa lle marcan gol. "Hai que minimizalo", sinalou Iglesias. "Este ano vanse a dar máis veces estes escenarios. Os rivais saben o que se esperan, sobre todo cando veñen aquí. Os plans dos rivais van ser de cedernos a iniciativa, e a partir de aí tentar xerarnos por medio dun erro noso ou unha acción boa deles. É difícil que en 95 minutos non che tiren unha soa vez a portería, por iso hai que crecer nese sentido e minimizar esas situacións. Non é nada fácil xogar contra este tipo de formulacións e rivais, polo que non nos queda máis remedio que seguir crecendo nesa liña e axustarnos a nivel individual, colectivo, e en fase ofensiva e defensiva para ser mellor equipo".
De feito, Yago considera que na xogada do gol rival o seu equipo pecou á hora de baixar a concentración. Rufo pediu falta tras un balón que lle enviaron ao espazo, e o equipo quedou esperando a que pitase. A pelota volveu e "aí é onde se xeran eses desaxustes. O equipo ten que entender que no momento no que hai estas situacións hai que cortar. Hai momentos nos que tes que facer un xogo máis fútbol, o chamado outro fútbol, o de non querer sempre atacar de forma brillante ou vistosa. Hai momentos nos que tes que pechar o partido e non abrilo. Quizá no momento no que vén o gol deles estamos moi centrados en meter o que nos dese vantaxe e non en protexer a nosa portería", criticou.
Ademais, o técnico granate tamén cuestionou a actuación arbitral nos penaltis non pitados a Chiqui e Yelko e nas perdas de tempo do Marino. Son "dous penaltis claros e, aínda por encima, o día do Fabril deron oito-nove minutos por perdas constantes. Hoxe déronse máis perdidas que nese partido e deron cinco". A iso súmaslle os penaltis, sobre todo o de Yelko, que "cambiase o partido. Despois hai que metelo, pero canto menos é unha acción clara de gol. Esperemos que outro día teñamos a fortuna de ser un equipo acertado na primeira que teñamos e ao mesmo tempo que esas accións caian ao noso favor", sinalou.
O adestrador tamén cre que o seu equipo, ao pisar tanto a área rival, vese penalizado polos contactos e "sexa máis difícil de pitar". En todo caso, "temos moita marxe de mellora, aínda non somos cans vellos, non somos agresivos no momento que hai unha perda. Tentamos apertar tras perda, pero non facemos moitas faltas, aínda que tamén acabamos con moitas tarxetas. Iso chámanos a atención, pero non vou pensar que os árbitros cando veñen a Pasarón veñen pensando que o partido é para eles. Os árbitros e adestradores somos parte do xogo, pero os protagonistas son os xogadores", subliñou.
A pesar da derrota, Yago Iglesias segue confiando no seu equipo e considera que fixo moitas cousas ben. "Soará raro vendo o resultado, pero quen estivese en Pasarón saberá que o resultado non foi xusto. Hai que seguir traballando para que no seguinte partido sigamos xerando o que xeramos e que o rival xere pouquiño para así nós levarnos os tres puntos".
Finalmente, Iglesias recoñeceu que, aínda que o seu equipo domina a posesión e o xogo ofensivo, debe mellorar en situacións crave xa que "somos o equipo que máis tempo efectivo ten o balón, pero en momentos clave debemos tomar outras decisións para que non acaben como o gol de hoxe", sentenciou.