Cinco xornadas restan ao Pontevedra Club de Fútbol para o final da liga e agora calquera duelo pasa xa por ser case unha final no seu obxectivo de ascender de categoría.
Así será a visita este domingo 6 de abril a Pasarón (17.00 horas) dun Llanera que a pesar de estar situado no posto de play-out pola permanencia pasa por ser, por números, o mellor equipo da segunda volta.
É por iso que Yago Iglesias afirma que "para min, é un dos equipos revelación do campionato".
"Non é ese equipo da primeira volta na que todo o mundo dicía que no seu campo é moi difícil xogar. Os números aí están, gañaron en prazas como Salamanca, como Valladolid... É o equipo que máis puntos fixo nesta segunda volta con 23, os segundos somos nós. Está a competir ás mil marabillas, é un equipo que hai que ter moi en conta", avisa o técnico granate.
No que respecta ao seu plantel, Yago ve os seus xogadores "mentalizados, focalizados e sobre todo tranquilos, que é algo fundamental neste momento da tempada para afrontar os cinco partidos que nos quedan".
Para este choque o Pontevedra perde por lesión a Pelayo Suárez, e conta aínda coa dúbida dun Charly que aínda que xa está preto da recuperación total "ten certas accións ou certas situacións ás que aínda non sabemos se pode ir ao 100%", recoñece o seu adestrador.
Iglesias valorou esa baixa de Pelayo como unha ausencia que "é perder un efectivo que, por que non dicilo, subíanos o nivel, dábanos moita seguridade, non só a nivel individual como xogador, senón polo que transmitía a nivel colectivo".
É ademais a terceira lesión similar do curso, a temida rotura do ligamento cruzado do xeonllo, unha situación que "non me pasou nunca, nos moitos anos que levo adestrando", asegura Yago Iglesias, pero do mesmo xeito que cando caeron Churre e Cambil "a forza do grupo fixo que este equipo se levante", algo que o técnico espera que volva suceder.