Yago Iglesias confía nas opcións na Copa: "Veremos un Pontevedra valente"

Pontevedra
18 de novembro 2024
Actualizado: 14:34

O partido, aprazado en dúas ocasións debido ás inundacións na Comunidade Valenciana, disputarase este martes 19, a partir das 20.00 horas, no Estadio Municipal de Pasarón

Yago Iglesias
Yago Iglesias / Cristina Saiz

O estadio municipal de Pasarón acollerá este martes 19, ás 20.00 horas, unha noite especial cando o Pontevedra Club de Fútbol reciba ao Levante UD na eliminatoria da Copa do Rei, un encontro que chega tras dous aprazamentos motivados pola DINA que devastou a Comunidade Valenciana.

O adestrador local, Yago Iglesias, destacou na previa o carácter especial do encontro, considerando que é "un premio para todos, para o club, para a afección e para os xogadores, ter o dereito e a capacidade de enfrontarse a un equipo profesional que, aínda que estea en Segunda División, é de Primeira División, dos bos de Primeira".

O conxunto granate afronta o partido apenas 48 horas despois do seu últimocompromiso ligueiro ante o Bergantiños, o que condicionou a preparación do equipo. Segundo Iglesias, o adestramento centrouse máis en recuperar efectivos, asegurando que ten a todo o plantel dispoñible para o encontro.

O técnico adiantou que haberá rotacións debido á esixencia do calendario, mencionando que os xogadores que xogaron a fin de semana "terán poucos minutos ou menos minutos que noutras ocasións, e que aqueles que mañá teñan menos minutos, seguramente a fin de semana terán máis".

Ademais, o equipo completará a convocatoria con xogadores do filial, xa que o regulamento de Copa permite máis de 18 convocados.

Iglesias deixou claro que o Pontevedra non renunciará á súa identidade malia o potencial do rival, afirmando que "veremos un Pontevedra recoñecible, coa idea de xogo que temos". Cre que todos os condicionantes do partido son moi bos para ver "un Pontevedra valente, que, independentemente de quen sexa o rival, ten claros os seus sinais de identidade".

O adestrador explicou que cre pouco nos cambios drásticos, detallando que o plan de partido sempre debe ser "un 70-80% o que es e un 20% adaptar certas cousas para o rival".

Malia que o partido se disputa nun horario pouco habitual, Iglesias confía no apoio desde a bancada, agardando que a xente faga un esforzo por ver o seu equipo xogando contra un equipo de moito nome, con xogadores de altísimo nivel: "é unha oportunidade boa para gozar deste día".

O encontro chega despois de dous aprazamentos debido ás graves inundacións que afectaron a Valencia. Inicialmente programado para o 30 de outubro, e posteriormente para o 7 de novembro, o Levante solicitou este último aprazamento debido á gravidade da situación provocada pola DINA, unha petición que a Real Federación Española de Fútbol aceptou, fixando definitivamente a data para este 19 de novembro.

"O motivo do cambio de data é importante. Parece que cando pasa o tempo despois deste tipo de situacións todo se suaviza, vese doutra maneira, pero a situación aínda é complexa, é complicada", lembrou Iglesias, mostrando a súa solidariedade coas persoas afectados polas inundacións.

"Oxalá as cousas nos saian ben e sexamos capaces de pasar a eliminatoria, porque desde logo iso si que sería o broche de ouro para o día de mañá", indicou Yago Iglesias con optimismo.