Yago Iglesias: "A ilusión, o traballo e a humildade nos trouxeron ata aquí"

Pontevedra
19 de abril 2024

"Sabemos desde hai semanas que este partido ía ser importante e ía ater moito tirón". Así comezou Yago Iglesias a rolda de prensa previa ao (case) decisivo encontro deste domingo en Pasarón entre o Pontevedra e o Ourense CF (17:00 horas)  

Partido de liga entre Compostela e Pontevedra no Vero Boquete
Partido de liga entre Compostela e Pontevedra no Vero Boquete / Cristina Saiz

"Sabemos desde hai semanas que este partido ía ser importante e ía ater moito tirón". Así comezou Yago Iglesias a rolda de prensa previa ao (case) decisivo encontro deste domingo en Pasarón entre o Pontevedra e o Ourense CF (17:00 horas).

Todo apunta a que será a mellor entrada da tempada no templo granate, pero o técnico prefire transmitir "normalidade. É unha xornada máis e aínda quedan dúas despois", explica, e coincide en que sería "moi importante sumar os tres puntos" para conseguir o ascenso directo.

Neste sentido, Iglesias di que pese ao balbordo que se está xerando de cara ao partido, "temos que abstraernos do ruído exterior, gústanos que o equipo sexa capaz de xerar este ambiente, pero temos que facer o noso traballo", insiste. "Isto é o resultado do bo facer do equipo esta tempada, traballamos para facer cousas chulas e parece que a xente se esta sumando. Oxalá o domingo vexamos un gran partido de fútbol".

No que respecta ao encontro e ao estado de forma do Ourense fóra da casa, o adestrador granate di que ao Pontevedra, en certa medida, está a ocorrerlle o mesmo e "é o que fai que cheguemos empatados a puntos. Nós centrámonos en facer o noso e seguir na liña continuista de como xogamos e facemos as cousas, é o que nos trouxo ata aquí", afirma.

Os das Burgas, pola súa banda, son un "grandísimo equipo tanto a nivel individual como colectivo" e será un partido de "altísimo nivel" no que espera "un equipo evolucionado" no que respecta a a primeira volta. "A realidade é que na ida o partido foi moi igualado e controlado, creo que vai ir por aí. Nos partidos de tanta igualdade e tanto nivel os pequenos detalles son os que marcan a diferenza, por iso para nós é importante nosa idea e nivel de xogo apoiado e custodiado por esa xente que poida vir a Pasarón, que nos axude desde fóra, que veñan arriba e empuxen", defende.

Con todo, o adestrador insiste en que "se fala ao longo da semana de gañar ou perder, pero un empate abriría todo máis para as últimas xornadas. Queremos conseguir os tres puntos, pero ao final o resultado decántase por pequenos detalles. Plantexamos o partido para gañar, pero ata que estea pechado matematicamente, todo é posible. Son tres puntos a falta de seis que darían moita vida".

"Os xogadores están motivados, non hai nada máis motivante que competir por un ascenso. Os números aí están, hai que darlle moito valor a iso independentemente do que pase neste partido", sinala o adestrador, ademais, "que sexa a mellor entrada ten que ser un aliciente. Estamos a desexar ver Pasarón cheo e que todo nos saia ben. É un partido importante para todos, pero motivación a xusta", advirte.

En todo caso, a realidade é que "a ilusión, o traballo e a humildade trouxéronnos ata aquí, son as claves do Pontevedra".