Converter o Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de Pontevedra nun Centro de Alto Rendemento (CAR).
É o obxectivo que se marca a Xunta de Galicia, e en 2025 dará os primeiros pasos para avanzar cara a esa meta.
Así o anunciou o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, nunha comparecencia no Parlamento de Galicia para explicar as contas do seu departamento para o próximo ano.
No que respecta ao deporte, o goberno autonómico consignou 500.000 euros para dar os primeiros pasos na ampliación e conversión do CGTD nun CAR.
Engade a consellería que o plan de investimento total nos próximos anos para conseguilo sitúase nos 22 millóns de euros.
Cabe destacar que, segundo explica a Xunta, Galicia conta actualmente con 1.335 deportistas de alto nivel, e esta actuación permitiría centralizar en Pontevedra aínda máis a excelencia deportiva nun mesmo recinto.
Outra das metas que se expón o goberno galego con esta actuación é poder atraer a deportistas nacionais e internacionais para que adestren no CGTD.
O investimento total da administración autonómica na promoción do deporte, segundo os orzamentos presentados, será de 589,5 millóns de euros durante o próximo ano 2025.