O xulgado dá a razón a Borja Domínguez e condena o Pontevedra a indemnizalo con 45.000 euros

Pontevedra
19 de novembro 2024

A xuíza do caso afirma que "se considera acreditada a prórroga automática do xogador para a tempada 2024/2025". A sentenza pode ser recorrida ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia

Borja Domínguez, na Parda o día do xuízo polo seu despido do Pontevedra
Borja Domínguez, na Parda o día do xuízo polo seu despido do Pontevedra / Mónica Patxot

O Pontevedra Club de Fútbol deberá indemnizar a Borja Domínguez por despedimento improcedente.

Así o ditou o Xulgado do Social Número 3 de Pontevedra nunha sentenza con data do 15 de novembro tras a vista oral celebrada o pasado día 5.

Asegura no seu escrito a xuíza do caso que o club granate "non acreditou a entidade demandada as causas do despedimento, por iso, procede a estimación da demanda e a declaración de improcedencia do despedimento coas consecuencias legais inherentes a esta declaración".

Estas consecuencias son a indemnización das cantidades deixadas de percibir polo futbolista, tal e como demandaba, un total de 45.000 euros.

Segundo a letrada "considérase acreditada a prórroga automática do xogador para a tempada 2024/2025" por varios motivos, ao terse formalizado a súa baixa a día 21 de mes cando a tempada comeza oficialmente a día 1 de xullo, por "non recibir comunicación algunha en contrario", polo anuncio en rolda de prensa da súa renovación e por cumprir coa cláusula de automática para prolongar un ano a súa vinculación.

A principal discrepancia entre as partes radicaba precisamente nesa cláusula de renovación automática que establecía o contrato se Borja disputaba 50 partidos nas súas dúas primeiras tempadas, ao entender o Pontevedra que eses encontros debían ser íntegros ou participando máis de 45 minutos.

A este respecto a sentenza é contundente ao afirmar que "se esa fose a intención dos contratantes, de distinguir minutos xogados con partidos íntegros ou non xogados, así se tería feito constar, como así se indica na estipulación relativa ao cobro de primas ou obxectivos, na cal, si se especifican os minutos de xogo requiridos para a obtención de distintos méritos económicos"

"O xogador acreditou en contrario, que si disputou máis de 50 partidos, de conformidade coa documental adxunta, actas da Real Federación Española de Fútbol da tempada 22/23 e 23/24, das cales se deprende que disputou un total de 55 partidos (30 partidos na tempada 22/23 e 25 na tempada 23/24)", argumenta a titular do Xulgado do Social.

Por todo o exposto "a carta recibida polo xogador en data 21 de xullo de 2024 constitúe carta de despedimento, sen causa acreditada algunha, e polo tanto estamos ante un despedimento improcedente, que non dá lugar a readmisión", conclúe.

Contra esta sentenza en primeiro instancia cabe aínda recurso de suplicación ante a Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.