Xornada entre semana para o Club Baloncesto Arxil na Liga Feminina Challenge.
O club pontevedrés recibe este mércores 13 de novembro (20:30 horas) no Centro Galego de Tecnificación Deportiva ao Recoletas Zamora, actual cuarto clasificado, en busca do seu segundo triunfo da tempada.
Será un duelo especial, xa que o Arxil activou unha campaña solidaria en favor dos damnificados pola DANA na Comunidade Valenciana.
En concreto, en colaboración co Banco de Alimentos, aproveitarase o encontro para recoller produtos de primeira necesidade (hixiene ou limpeza).
Como incentivo, os non socios do Arxil poderán acceder de maneira gratuíta ao encontro colaborando coa acción solidaria.
En todo caso, as achegas poderán seguir realizándose durante o xoves e venres no Pavillón Universitario durante os horarios de adestramento do club.
A nivel deportivo, o duelo contra o Zamora foi aprazado polas convocatorias internacionais FIBA.
Esta situación obrigará ás pontevedresas a afrontar dous encontros en poucos días, xa que o domingo 17 de novembro visitarán a cancha de La Cordá de Paterna, equipo que as precede na clasificación.