Xornada de solidariedade con Ucraína na Lomba

O Salnés
09 de marzo 2022

O partido da Segunda RFEF entre Arosa e Real Avilés previsto para o vindeiro domingo 13 de marzo na Lomba contará cunha campaña solidaria en favor do pobo ucraíno

Rolda de prensa do Arosa para presentar os actos de apoio a Ucraína
Rolda de prensa do Arosa para presentar os actos de apoio a Ucraína / Arosa SC

O partido de Segunda RFEF que vai enfrontar o vindeiro domingo 13 de marzo na Lomba o Arosa e ao Real Avilés será toda unha de mostrar solidariedade co pobo ucraíno tras a guerra iniciada por Rusia.

O club vilagarcián aproveitará o encontro para levar a cabo unha campaña solidaria en favor de Ucraína, instalando "varios puntos de recollida de produtos nos accesos ao estadio para que todos os nosos afeccionados poidan mostrar a súa solidariedade", sinalou o director xeneral arlequinado, Rodrigo Lojo.

A intención é poder recoller material de primeiros auxilios, artigos de hixiene persoal, comida e tamén produtos relacionados coa covid como máscaras, xel desinfectante e medicamentos. Ademais poderanse realizar doazóns económicas á Asociación Galega de Axuda a Ucraína (AGA).

"Realizaremos unha homenaxe ao seu país. Convidamos a todos os ucraínos, só teñen que presentar o seu DNI e poderán entrar gratis ao partido", sinalou en rolda de prensa Lojo acompañado do presidente da entidade, Manolo Abalo, e de Svitlana Kanevska, veciña de Vilagarcía de orixe ucraína que emigrou desde Donetsk hai dúas décadas.

Svitlana, coñecida na vila como Lana, agradeceu as mostras de apoio recibidas ante a situación que se vive no seu país de orixe e recoñeceu estar "orgullosa de formar parte dunha sociedade tan xenerosa".

Xunto a estas accións o Arosa decidiu regalar a cada un dos seus socios unha entrada para que poidan levar un acompañante ao partido.

Arquivado en