A asociación Amizade, en colaboración da Fundación También, converteu este venres 10 de maio a Avenida Montero Ríos nunha gran pista polideportiva.
De 10.00 a 14.00 horas e de 16.30 a 20.00 horas, a céntrica avenida pontevedresa acolleu actividades de deporte adaptado.
"Aproveitamos a xornada para sensibilizar á sociedade", explicou o presidente de Amizade, Paulo Fontán, sobre unha actividade que permite dar a coñecer o material deportivo adaptado, así como contribuír na normalización da vida das persoas con discapacidade.
De feito, segundo incidiu a concelleira de Deportes de Pontevedra, Anabel Gulías, "ás veces é máis importante visibilizar que outras tarefas ás que adicamos moitos esforzos".
Escolares e tamén persoas de todas as idades, con e sen discapacidade, puideron divertirse probando deportes adaptados como o baloncesto, tenis de mesa, tiro con arco, bádminton, boccia, slálom ou handbike, entre outros.