Xornada de adestramentos na Copa do Mundo de Tríatlon

Pontevedra
23 de xullo 2022

Menos de 24 horas restan para que Pontevedra vibre coa Copa do Mundo de Tríatlon. Pero como aperitivo á gran competición, os deportistas participantes deixáronse ver polas inmediacións da ponte dos Tirantes, onde realizaron os adestramentos do segmento de natación

Adestramentos de natación da Copa do Mundo de Tríatlon
Adestramentos de natación da Copa do Mundo de Tríatlon

Pontevedra comeza a vibrar coa Copa do Mundo de Tríatlon. Como aperitivo á gran competición, os deportistas participantes deixáronse ver polas inmediacións da ponte dos Tirantes, onde realizaron os adestramentos do segmento de natación.

De feito, entre as 10:30 e as 11:30 horas, os triatletas acudiron á zona do río para familiarizarse co Lérez e co pantalán, desde onde se dará o pistoletazo de saída ao percorrido que continuará na primeira zona de transición situada na Avenida de Bos Aires.

É alí onde comezará o circuíto en bicicleta, un dos cambios máis significativos nesta Copa do Mundo e antesala do que se usará na Gran Final das Series Mundiais de 2023.

É por iso que para o sector ciclista os triatletas tamén teñen o seu momento de preparación e de recoñecemento do terreo ao que se enfrontarán este domingo. Breve pero intenso, cun percorrido ao que podían dar unha volta a partir das 17:00 horas da tarde do sábado.

Os triatletas iniciarán o seu roteiro pola ponte dos Tirantes seguindo por Rafael Areses e a Avenida de Compostela para entrar no Campus Universitario. Despois a carreira continuará cara ao Pavillón Municipal dos Deportes e a Avenida Domingo Fontán chegando ata a ponte das Correntes, momento no que cruzarán o río para iniciar o retorno ao CGTD en liña recta por Avenida de Uruguai e Bos Aires.

Para a carreira a pé non haberá adestramento oficial, pero o percorrido comezará cunha zona de de transición no interior do CGTD para saír á rúa pola porta que dá a Fernando Olmedo e dirixirse á Rúa da Cruz Vermella ata Pai Amoedo. Despois irán á Zona Monumental por rúa Sarmiento e subirán por Pasantería ata os xardíns fronte ao Convento de San Francisco, seguindo pola Praza de Ourense para pasar por Peregrina e Michelena e iniciar o descenso cara a zona do río por Fernández Villaverde, Curros Enríquez, Don Gonzalo e César Boente chegando ao Mercado, onde se virará pola Rúa Serra ata enganchar coa Avenida de Bos Aires na ponte de Santiago e regresar ao CGTD.

Esta só é a antesala do que ocorrerá o domingo 24 de xullo. A proba elite feminina será a encargada de abrir a competición coa presentación das deportistas ás 10:05 horas e con saída ás 10:15 horas. A entrega de medallas está prevista para as 12:30 horas no CGTD.

A carreira elite masculina, en cambio, comezará coa presentación na Avenida de Bos Aires ás 13:05 horas e saída ás 13:15 horas. A entrega de medallas celebrarase ás 15:30 horas.