Xisco Campos: "Creo que o Pontevedra ten un proxecto que ilusiona. Foi moi fácil decidirme"

Pontevedra
02 de setembro 2020

Aos seus 38 anos, o novo xogador do Pontevedra asegura que a súa chegada "para min é un novo reto, unha nova ilusión". Comprometeuse con por unha tempada e recoñece como claves para a súa fichaxe as boas referencias de ex-granates como Dani Pendín, Bonilla ou  Goldar

Xisco Campos nunha rolda de prensa co Mallorca
Xisco Campos nunha rolda de prensa co Mallorca

Leva só unhas horas sendo de maneira oficial xogador do Pontevedra Club de Fútbol, pero Xisco Campos xa exerce como un dos líderes do novo proxecto granate. Desde a experiencia que lle dá a súa longa traxectoria e o seu recente paso pola Primeira División como capitán do Real Mallorca, o central balear, que asina por unha tempada, aposta pola humildade e o traballo como receita para repetir o vivido na illa. Polo de súpeto nada máis confirmarse a súa fichaxe vestiuse de curto para completar a súa primeira sesión co equipo.

- Que tal a aterraxe en Pontevedra e o primeiro adestramento cos compañeiros?

Moi ben, foi moi ben. Tiña moitas ganas de estar cos novos compañeiros e de ir coñecéndoos a todos en profundidade, porque á maioría coñecíaos de xogar en contra

- Deuche boa impresión o plantel?

Si, eu creo que hai un bo grupo, xente con moitas ganas e xente que vén con moita ilusión, máis os que estaban. Entendo que hai un grupo de boas persoas e de bos futbolistas.

- Que che convenceu de aceptar a proposta do Pontevedra?

"Moitos compañeiros que tiven e estiveron aquí faláronme moi ben sobre do club, pero tamén da cidade"

A verdade é que no mundo dos futbolistas o boca a boca é importante e moitos compañeiros que tiven e estiveron aquí faláronme moi ben sobre do club, pero tamén da cidade. Creo que o Pontevedra ten un proxecto que ilusiona moitísimo. Foi moi fácil decidirme.

- Entre ese boca a boca seguro que estaba Dani Pendín, con quen levas varios anos traballando en Mallorca, el como parte do corpo técnico.

Si, Dani fala marabillas do club, da cidade, pero tamén Bonilla, David Goldar… Teño varios compañeiros que estiveron aquí, incluso Capdevila que xogou comigo en Murcia hoxe mesmo felicitoume dicíndome que é fan de Pontevedra. As súas referencias son importantes e influíron, dun club que quere crecer, que vén facendo as cousas ben desde hai tempo, que é cumpridor e que ten ilusión de seguir crecendo.

- Pero é tamén unha aposta, baixar directamente dous chanzos ata a Segunda B.

"Para min é un novo reto, unha nova ilusión. Estou moi agradecido de que me dean esta oportunidade"

Para min é un novo reto, unha nova ilusión. Estou moi agradecido de que me dean esta oportunidade. Ao final o que teño é moitas ganas de devolver esa confianza con traballo e dedicación para poder sumar o meu gran de area. Facer crecer un club é cousa de todos, xogadores, afección, xente que nos rodea, prensa... que esteamos todos a un tempo porque ao final conseguir cousas bonitas nesta categoría faite dar un salto cualitativo.

- Que che dixeron tanto o adestrador Jesús Ramos como Roberto Feáns? Que esperan de ti? 

Hoxe foi un adestramento durillo, preguntáronme se estaba para meterme ao 100% e díxenlles que si. Aos poucos iremos coñecéndonos. Pedíronme que sexa eu en todo momento, que vaia meténdome no grupo rápido. Que dea todo o que teño e que traballe.

- En postos como o de central ás veces a experiencia é un grao, e parece que o Pontevedra aposta por iso contigo (38), Pol Bueso (35) e Churre (30).

Ao final a nosa posición é unha posición onde a experiencia pode axudar e de aí un pouco que o club tire por esa liña. Eu xa digo que encantado de poñer o meu gran de area, porque son un xogador totalmente de equipo que vén dar todo o que ten.

- Por canto tempo asinas?

É un ano. O importante é ir aos poucos e traballar día a día para que no canto dun ano poida ser algún máis.

- Vés dunha experiencia na casa preciosa, con dous ascensos consecutivos desde 2ª B a 1ª en Mallorca, veste repetindo?

Conseguimos algo moi complicado con traballo e humildade. Tal e como se modificou esta categoría eu creo que a clave para conseguir cousas bonitas é traballar e plantexar cada partido de forma teimuda e saber que vai haber dificultades e haberá que levantarse rápido. 

- Sempre foi difícil subir de 2ª B a 2ª, pero este ano dá a impresión que a marxe para o erro vai ser mínimo.

Si, por iso dicía que con este formato fai que teñas que estar ben cada partido.

"Nunca sabes cal é o grupo que che pode dar certa vantaxe ou non"

- E que opinas dos rivais que tocaron?

Empezas a mirar os grupos e pódeche parecer un grupo unha cousa e outro grupo outra, e a priori fas cábalas, pero facer quinielas non serve de nada. É o grupo que nos tocou, así que imos para adiante e imos facerlle fronte. Hai que encaralo da mellor maneira posible porque nunca sabes cal é o grupo que che pode dar certa vantaxe ou non.

- Crees que a afección, que se ilusionou co proxecto, poderá apoiarvos desde a bancada?

Estamos nunha nova normalidade pero sabemos que o fútbol sen xente non acaba de ser o que ten que ser. Nós temos a oportunidade de ter unha gran afección e temos un gran estadio onde se poden un pouco manter esas distancias. Non depende de nós pero evidentemente queremos á nosa xente en Pasarón si ou si.