O Pontevedra Club de Fútbol aposta pola experiencia para reforzar a súa defensa, en especial no que se refire ao centro da zaga.
O club granate anunciou este luns a contratación de Xisco Campos, futbolista balear de 38 anos con bagaxe en Segunda B, Segunda División e tamén en Primeira.
De feito o central aterra no club de Pasarón directamente desde a Primeira División, xa que a última campaña defendeu as cores do Real Mallorca na máxima categoría como un dos seus capitáns, disputando 9 partidos, 4 deles como titular.
Campos comezou a súa andaina profesional precisamente no Mallorca, co seu filial na categoría de bronce, para chegar a debutar co cadro bermellón na tempada 2004/2005 en Primeira (2 partidos). Despois de aí pasou por clubs como o Levante B, Écija, Castellón, Nastic de Tarragona, Ponferradina e de novo Mallorca, onde conseguiu ascender en dúas tempadas consecutivas desde Segunda B a Primeira División. Na súa folla de servizos figuran seis cursos completos en Segunda.
Coa súa incorporación o Pontevedra pecha a chegada dun home chamado a liderar a zaga xunto a Churre (30 anos). A eles súmaselle outro central con moitos quilómetros ás costas como Pol Bueso (35 anos).
Xisco Campos convértese desta forma na décima fichaxe do Pontevedra este verán, completando unha renovación coa que o club aspira, como mínimo, a meterse na futura Segunda B PRO.