A xaponesa Sarah Saito sorprende a Jéssica Bouzas no WTA 250 de Osaka

O Salnés
15 de outubro 2024

A xoven xogadora nipoa, de 18 anos e que accedía ao cadro final do torneo cunha invitación, venceu á tenista arousá na primeira rolda

Jéssica Bouzas, durante un torneo en Porto - Federação Portuguesa de Ténis
Jéssica Bouzas, durante un torneo en Porto - Federação Portuguesa de Ténis

Jéssica Bouzas despediuse xa no inicio do torneo do WTA 250 de Osaka, en Xapón.

A tenista arousá, número 61 de ranking, está de xira asiática no tramo final da tempada, e viuse sorprendida por unha xogadora local como Sarah Saito, que aos seus 18 anos ocupa o posto 179 do ranking mundial.

Saito accedía ao cadro final do torneo grazas a unha invitación e impúxose en dous sets por 6-3 e 6-2.

Foi en todo caso un duelo marcado polas oportunidades non aproveitadas por Bouzas, que gozou de até catro opcións de rotura na primeira manga e doutra na segunda.

Pola contra a súa opoñente si materializou a súa primeira pelota de break, e fixo o mesmo no segundo parcial.

O partido pechouse nunha hora e quince minutos de xogo.