A Selección Española encaixou este luns a súa primeira derrota no Mundial que se está a disputar en Australia e Nova Zelandia. Coa pontevedresa Tere Abelleira novamente como titular no once de Joge Vilda, España caeu goleada ante Xapón, campioa do mundo no 2011, e pasa á seguinte fase do campionato como segunda de grupo.
En oitavos de final, o combinado español enfrontarase a Suíza, primeira clasificada no grupo A. A eliminatoria está prevista para o vindeiro sábado, 5 de agosto, ás 7.00 horas (horario español) no estadio Eden Park de Auckland.
Sobre o último partido da fase de grupos, as españolas non puideron plantar cara ao combinado nipón. A pesar de ser as donas do balón, a fraxilidade defensiva e a calidade do contragolpe das asiáticas acabou por tombar a España.
O encontro púxose costa arriba para as de Vilda á media hora de xogo cando Miyazawa culminaba en gol unha eléctrica xogada combinada das xaponesas. Antes do descanso, dous contragolpes letais do equipo asiático, redondeados por Ueki e novamente Miyazawa, ían condenar a España ao segundo posto do seu grupo.
Xa no segundo tempo, España envorcouse aínda máis sobre a meta rival. Aínda así, a Roja era incapaz de xerar situacións de perigo. Xa nos compases finais do partido, Tanaka aproveitaba outra transición para sentenciar o partido cun zurdazo á escuadra da gardameta Misa.
Pola súa banda, Abelleira volveu ser o pivote sobre o que se baseaba o xogo de posesión de España. A pontevedresa exerceu de metrónomo dun equipo ao que lle faltou claridade e precisión para perforar a sólida muralla defensiva nipoa. Antes de ser substituída no minuto 72 por Claudia Zornoza, Tere completou un total de 112 pases con éxito, cunha precisión do 94 %. De todos eles, tres xeraron oportunidades de gol claras para as súas compañeiras. Ademais recuperou catro balóns e probou fortuna sen éxito cun disparo afastado que non atopou porta.