O pavillón universitario foi escenario do XIII Torneo Internacional Campus Universitario de Pontevedra – Memorial Ramón Escudeiro Tilve, organizado pola Escola Xadrez Pontevedra.
Na xornada participaron até 142 xadrecistas, incluídos representantes de Serbia, Bulgaria, Cabo Verde, Francia e Portugal, ademais de España.
Entre eles atopábanse grandes mestres internacionais como Vladimir Petkov e Aleksa Strikovic, ou o mestre mestre caboverdiano Mariano Ortega Amarelle.
A pesar diso foron cinco xogadores galegos (Fernando Sánchez, Daniel Táboas, Brais Otero, David Cernadas e Nicolás Fernández) os que chegaron empatados na cabeza á oitava e última rolda, con medio punto de vantaxe sobre os principais favoritos.
Finalmente, Otero, xogador do Xadrez Mos, alzouse coa vitoria final ao contar cun mellor desempate con respecto a David Cernadas.
Disputáronse en total máis de 500 partidas ao longo de oito horas de torneo.
O XIII Torneo Internacional Campus Universitario de Pontevedra disputouse na modalidade de xadrez rápido.
Repartíronse 1.050 euros en premios, procloamándose tamén gañadores Miguel Casado, vencedor das modalidades sub-18 e sub-12, Alejandro Prado (veteranos), Martín Lema (sub-8), Ariadna López (sub-10) e Nicolás Fernández (sub-14).