Máis aló da evidente alegría en club e afeccionados, a Copa do Rei deixou grandes noticias para o Pontevedra Club de Fútbol sobre o terreo de xogo, relanzando axogadores que no tramo inicial de tempada apenas estaban a gozar de protagonismo.
É o caso de Xabi Domínguez, repleto de confianza tras encadear boas actuacións e con "moitas ganas de acabar ben o ano".
"Estaba dispoñible para o míster sempre que contase comigo, tivese máis ou menos minutos estou a traballar ben e a morte con este equipo, pero é verdade que na Copa do Rei a xente que tiñamos menos minutos en liga tivemos a oportunidade de demostrar do que somos capaces e veunos moi ben", explicou o extremo este mércores na sala de prensa do Estadio Municipal de Pasarón.
Tanto é así que "se viu que todo o equipo ten moi bo nivel e que calquera pode estar no once", afirma Domínguez.
Xabi pide aos seus compañeiros un último esforzo antes das vacacións de Nadal, xa que o obxectivo é "terminar da mellor maneira posible, que ten que ser co tres puntos en Ávila".
O plantel quere de feito "marchar ás vacacións líderes e pensando na Copa do Rei e en gozar o máximo o partido, que vai ser moi especial para Pontevedra", afirmou.
Non será en todo caso un paseo, e é que o Real Ávila, último rival do ano, "é un moi bo equipo e un campo moi difícil, demostrárono tanto en liga como na Copa".
Actual terceiro clasificado con 27 puntos, o Ávila eliminou esta tempada en primeira rolda de Copa a un Segunda División como o Real Oviedo e levou á prórroga no seu estadio o Real Valladolid da máxima categoría.