Xa é oficial, o Campionato de Europa de Ciclocrós 2024 celebrarase en Pontevedra

Pontevedra
03 de xuño 2022

Confirmouno este venres o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, avanzando que a firma do acordo coa Federación Europea de Ciclismo producirase o próximo 21 de xuño. A competición terá lugar os días 2 e 3 de novembro de 2024

Copa de España de ciclocros na Illa das Esculturas
Copa de España de ciclocros na Illa das Esculturas /

Era algo que no principio do ano se daba xa case por feito, pero ata o de agora non se fixo oficial. Pontevedra albergará en 2024 o Campionato de Europa de Ciclocrós.

Confirmouno este venres o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, avanzando que a firma do convenio coa Federación Europea de Ciclismo formalizarase o próximo día 21 de xuño na sede do Comité Olímpico Español en Madrid.

O Europeo de Ciclocrós era un dos grandes eventos internacionais nos que levaba meses traballando Pontevedra, que albergará a proba os días 2 e 3 de novembro de 2024.

Todo iso nunha contorna privilexiada e a só un paso do centro da cidade como é a Illa das Esculturas, lugar que acollerá unha competición no que se espera a presenza de preto dun milleiro de deportistas.

Tanto o alcalde como o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, teñen previsto desprazarse ata Madrid para a firma, na que tamén estarán presentes os presidentes das federacións Europea, Española e Galega de ciclismo ademais de representantes do Comité Olímpico Español.