O Waterpolo Pontevedra, un exemplo para o deporte feminino

Pontevedra
06 de novembro 2024
Actualizado: 10:59

A entidade deportiva pontevedresa presentou unha campaña de sensibilización e promoción do deporte feminino que levará a cabo coa Secretaría Xeral para o Deporte

Campaña do Waterpolo Pontevedra para o fomento do deporte feminino
Campaña do Waterpolo Pontevedra para o fomento do deporte feminino /

A Secretaría Xeral para o Deporte e o Club Waterpolo Pontevedra danse a man para promocionar o deporte feminino.

Farano coa posta en marcha dunha campaña de promoción e sensibilización, na que o Waterpolo Pontevedra servirá de espello e exemplo polo seu traballo nas categorías femininas e pola súa loita pola igualdade no ámbito deportivo.

A campaña foi presentada este martes no edificio administrativo da Xunta de Galicia en Benito Corbal coa presenza do plantel do equipo feminino de Primeira Nacional do Waterpolo Pontevedra, así como o seu presidente Alberto López e a directora territorial da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, Blanca García-Señoráns.

A través desta acción, o club pontevedrés organizará nas próximas semanas xornadas de promoción do waterpolo feminino para nenas desde os 8 anos de idade.

O obxectivo será dar a coñecer o seu deporte así como fomentar a práctica de exercicio desde idades temperás.

Ademais seleccionarase un encontro da Primeira Nacional Feminina como escaparate da campaña.

No que respecta á competición nacional, o CW Pontevedra está a vivir un inicio de curso complicado con derrotas no tres primeiras xornadas de liga, pero "creo que si jugamos como sabemos podemos conseguir las seis victorias en los partidos que quedan y asegurar ya la permanencia, pero para eso tenemos que ponernos las pilas", sinalou a súa xogadora Irene Esteban.

Da mesma opinión é a súa compañeira Andrea Andión, afirmando que "nos merecemos una victoria ya y estoy segura que van a venir cosas mejores".

O próximo compromiso ligueiro do Waterpolo Pontevedra será o vindeiro domingo 10 de novembro en Madrid, fronte ao CW Ciudad de Rivas.