Volven as escolas deportivas a Marín con 27 actividades e opcións para maiores de 50 anos

Marín
27 de agosto 2022

A festa de presentación destas 25 modalidades, tal e como se indicaba anteriormente, será o 2 de setembro na Alameda e no Parque Eguren, a partir das 16.30 horas

Presentación das Escolas Deportivas Municipais de Marín
Presentación das Escolas Deportivas Municipais de Marín / Concello de Marín

Arranca un novo curso académico e con el as escolas deportivas municipais para poder fomentar e achegar unha ampla oferta deportiva á veciñanza de Marín. Pero esta vez as escolas non serán só para a rapazada, senón que poderá apuntarse xente adulta de a partir de 50 anos.

Aínda que será o venres 2 de setembro cando se faga a tradicional presentación oficial das escolas, o concelleiro de Deportes, Antonio Traba, xa adiantou que as modalidades que se ofertarán este ano serán bádminton, fútbol sala, atletismo, taekwondo, triatlón, baloncesto, waterpolo, ximnasia rítmica, remo, pilates, ximnasia acrobática, vela, natación, judo, fútbol, piragüismo, tenis, boxeo, ciclismo-BTT, pádel, voleibol, saltos de trampolín, ballet, salvamento marítimo y paddle surf.

"No caso do volei e dos saltos de trampolín, son modalidades que volvemos incorporar á oferta e que xa se cursaron outros anos, pero as últimas tres disciplinas son novas incorporacións que veñen a engrosar a boa oferta que temos de deportes", asegurou o edil.

A festa de presentación destas 25 modalidades, tal e como se indicaba anteriormente, será o 2 de setembro na Alameda e no Parque Eguren, a partir das 16.30 horas.

O procedemento de inscrición é o mesmo de todos os anos. O prezo da actividade para o participante será de 50 euros para todo o ano (desde o 1 de outubro ata o 31 de maio), que deberán abonarse directamente ao club ou entidade organizadora, segundo a forma de inscrición establecida por cada un e da que se informará no evento de presentación.

Tamén será neste evento no que se repartan os impresos de inscrición, que estarán a disposición das entidades organizadoras durante o prazo de inscrición, que irá do 5 ao 30 de setembro. Asemade, poderá accederse a eles a través da web do Concello de Marín.

ESCOLAS DEPORTIVAS PARA ADULTOS

Natación, taekwondo, ximnasia de mantemento, taichí e crossfit serán as actividades destinadas para a poboación a partir de 50 anos.

Dadas as prazas limitadas que haberá, darase prioridade aos solicitantes de maior idade, xa que o obxectivo é poder fomentar a práctica deportiva e loitar contra o sedentarismo no tramo de poboación de idade máis avanzada. Estas modalidades tamén serán presentadas na festa do 2 de setembro.