Dura derrota da Sociedad Deportiva Teucro na cancha do Handbol Bordils, en partido adiantado da xornada 12 de competición da División de Honra Prata.
Os azuis chegaban á cita coa intención de confirmar a súa recuperación tras a importante vitoria da última fin de semana ante o Alcobendas, pero nada máis lonxe da realidade. Os de Luís Montes volveron cometer vellos erros cun tímido inicio unido a períodos de desconexión dos que se aproveitou o Bordils para dominar o marcador de principio a fin.
Os cataláns marcaron territorio cun parcial de saída de 4-1, e aínda que o Teucro pareceu espertar con dous goles consecutivos de Corneil e Poveda, os pontevedreses non se atopaban cómodos en defensa e vían como o seu rival seguía facendo dano con facilidade.
Luís Montes pedía tempo morto con 7-3 no luminoso cando apenas transcorreran pouco máis de 6 minutos de xogo, e de novo parecía que os seus se metían no partido recortando a desvantaxe a dous goles (8-6). Nese momento chegou un novo parcial desfavorable no medio de sucesivos erros que permitían ao Bordils marcharse de 8 (15-7). O técnico teucrista tiña que parar de novo o partido, pero non daba coa tecla e a renda estabilizouse ata o descanso, ao que se chegou cun claro 20-12. Demasiados goles encaixados para pelexar polos puntos en xogo.
Pouco cambiou tras o paso polos vestiarios. Os locais comezaron mellor e levaron o seu botín ata a barreira dos 10 goles, unha cifra que só puido maquillar por momentos o Teucro, aínda que sen baixar dos sete tantos de diferenza, e é que a desvantaxe era xa demasiada e a cada intento de reacción respondían con autoridade os cataláns.
Así foron pasando os minutos, sen máis pena que gloria, ata o 33-24 final que certificaba a volta ás andadas dos azuis no seu último desprazamento do ano, unha derrota que lles fará chegar ao derbi contra o Novás da próxima xornada coa urxencia de conseguir os dous puntos se non queren descolgarse da pelexa polos primeiros postos da táboa.
Consulta as estatísticas e a acta do partido na páxina web da Real Federación Española de Balonmán.