O Club Cisne Balonmán impúxose este sábado ao Proin Sevilla nun partido marcado pola igualdade.
Os pontevedreses, que dominaron a primeira metade, sufriron no segundo tempo a reacción do seu rival, que chegou a empatar o partido para poñelos en problemas.
Empezou o partido cos dous equipos centrados en defensa e concedendo o xusto para que o marcador se movese a pasos moi pequenos, aínda que sempre con dominio do conxunto pontevedrés, que logrou impor o seu ritmo e abrir unha pequena brecha de dous goles que aos poucos foi aumentando.
Foi de feito a partir do minuto 5 de xogo cando o Proin Sevilla desapareceu por completo. O Cisne, cómodo en todas as facetas, aproveitou os roubos en defensa para saír ao contragolpe e aumentar a diferenza en cinco tantos, o que obrigaba o técnico local a pedir o primeiro tempo morto da tarde cando apenas se tiñan cumprido 10 minutos (2-7).
Produciuse entón un intercambio de goles en ambas as dúas portarías que durou até pasado o ecuador do primeiro tempo, cando aos de Lérez visitoulles o seu habitual apagamento que lles fixo baixar o nivel e que se traduciu nun parcial de 4-0 que apertaba de novo o luminoso (9-11).
Quiños parou o cronómetro para reordenar o seu equipo, e rapidamente deu coa clave para recuperar a boa dinámica e estirarse no marcador cun 0-6 que enviaba o encontro ao descanso nun cómodo 11-17.
Tras o paso polos vestiarios, os problemas regresaron para o Cisne en forma de imprecisións en ataque e concesións defensivas, ademais das exclusións de Nuno Pando e Furtado, que o cadro sevillano encargábase de castigar para meterse de cheo na pelexa (17-20).
O adestrador visitante pediu tempo morto e Dani Virulegio cumpriu anotando o 17-21. Con todo, os de Lérez non estaban cómodos do todo e non lograban conter a vantaxe no marcador, sucumbidos por un rival que, alentado pola súa afección, atopaba a maneira de abrir camiño entre a zaga para pór en probelmas o Cisnecando quedaban pouco máis de 10 minutos de partido (22-22).
Todo podía pasar e así foi. Os nervios estaban a flor de pel e iso notábase na intensidade das defensas e nos erros, que relucían en ataque tanto nun lado como no outro, o que se traducía en poucos goles e claro protagonismo dos gardametas.
Era o Cisne, en todo caso, o que conseguía tomar a dianteira no marcador cando restaban cinco minutos para a conclusión. Imprimiu unha marcha máis e Abián, que non estaba disposto a seguir concedendo, fixo o propio baixo paus para que os seus recuperasen o control cando máis necesario era (24-26).
Continuou pelexando o Proin Sevilla, pero os pontevedreses souberon aguantar as arremetidas do rival para facerse finalmente con dous importantísimos e traballados puntos (27-30).
Consulta as estatísticas neste enlace