Vitoria sen fútbol (2-1) do Pontevedra sobre o Villalonga

Pontevedra
17 de xaneiro 2013

As accións a balón parado deciden un partido con escaso xogo e menor intensidade no que os dous equipos acusaron as ausencias. Os granates sitúanse a un só punto dos postos de play-off

O único bo foi o resultado, para o Pontevedra, claro, que para o Villalonga nin iso. Ambos os dous equipos chegaban ao polémico partido aprazado no seu día polas chuvias coas mesmas necesidades de sumar os tres puntos, aínda que por causas e obxectivos ben diferentes. Tamén os dous o facían con importantes ausencias nas súas filas e este factor resultou determinante para que a balanza se inclinase do lado granate, que acusou menos as baixas que un Villalonga con menor profundidade de banco.

Pero a pesar desa necesidade dos puntos, por momentos ambos os dous conxuntos deron a sensación de estar a xogar unha "pachanguiña" intranscendente, sen absolutamente nada importante en liza, tal foi a falta de ritmo e intensidade con que se empregaron os contendentes. Claro que a acumulación de partidos e o malestar do terreo tamén puideron pasar factura, pero o certo é que por unhas causas ou outras, en Pasarón, nunha noite insulsa, o que se di fútbol non houbo.

Os erros primaron sobre os acertos. Difícil encontrar algunha ocasión en que se fiasen máis de tres pases sen regalar o balón ao contrario ou recorrer ao recurso de sacarse a pelota de enriba para evitar complicacións. O Pontevedra comezou a remolque, sufrindo fronte a un Villalonga que chegaba con relativa facilidade ás inmediacións da área, para alí encontrar un Machu absolutamente falto de compañía.

Pouco durou o gas aos de Jacobo Molina que, paradoxos do fútbol, puideron adiantarse a balón parado nunha falta maxistralmente lanzada por Marc que salvaron a medias entre Lloves, cunha sensacional estirada, e o poste, cando só ían 4 minutos de partido. Cristóbal Juncal daría a réplica na única xogaba ben trenzada de todo o primeiro tempo, pero mandou o balón fóra no man a man co meta visitante Adrián Malleiro.

Precisamente Cristóbal, xunto con Nano e Stefan eran os únicos que intentaban dar algo de ritmo a un partido canso, plúmbeo, trabado e aburrido. E nas accións a balón parado, que antes negaran o gol ao cadro visitante, encontrou o equipo de Milo a fórmula. Cada corner lanzado era un suplicio para a zaga celeste, ata que nun deles, Pablo aproveita un balón morto ao bordo da área de meta para marcar pracer. Gol que non celebra recordando o seu recente pasado en Villalonga.

Nin sequera o gol fixo reaccionar os visitantes, como tampouco deu ás ao cadro local. Ambos os dous seguiron ao seu, coma se o chumbo lastrase as botas dos futbolistas e así entramos nunha segunda parte aínda de máis baixa calidade que a primeira. O Villalonga seguiu cos seus problemas para defender as accións de estratexia, como tamén coa falta de pólvora nos seus escasos ataques.

Richi, ao que o árbitro anulara xustamente un gol, ampliaba a conta pouco despois e parecía sentenciar o choque, pero cando falta tensión chegan os erros e Pablo comete un absurdo penalti por non despexar á primeira un balón sen perigo na área, o que aproveita o Villalonga para reducir diferenzas, con suspense, xa que o disparo de Fran Matos case o saca Lloves.

O 2-1 no marcador non serviu máis que para dar certo toque de incerteza á recta final, pero o Pontevedra tirou de oficio e entre Santi Domínguez e Cristóbal Juncal durmiron o balón (os espectadores xa había bastante que o estaban) ante a impotencia dos visitantes para ter polo menos unha mínima opción de buscar a igualada.

A vitoria permite aos granates ascender ao quinto posto a un só punto do play-off

Con esta vitoria o Pontevedra empolícase á quinta posición da táboa, a un só punto do Deportivo B, que pecha os postos de play-off, mentres que o Villalonga segue en posición de descenso.

PONTEVEDRA, C.F. (2): Lloves (2); Tubo (2), Caco (2), Pablo (1), Nano (2); Stefan (2), Iago Paz (1), Cristóbal Juncal (2), Jacobo (1); Richi (2) e Santi Domínguez (1).

Substitucións: Yago Vázquez (2) por Stefan, minuto 46. Javi Pazos (1) por Richi, minuto 78. Sestelo (s.c.) por Caco, minuto 87.

VILLALONGA, F.C. (1): Adrián Malleiro (2); Leo (1), Marc (2), Miguel Vázquez (1), Fran Matos (2); Tenorio (2), Nelo (1); Quini (1), Javi Nogueira (1), Saúl (1); e Machu (1).

Substitucións: Pedro (1) por Javi Nogueira, minuto 72.

Árbitro: Víctor García Villaverde, auxiliado nas bandas por Ricardo Landrove Lago e Adrián González Franco (Ferrol). Amoestou a Nano, Pablo, Iago Paz, Miguel Vázquez e Machu.

Goles: (1-0) Minuto 30: Pablo remata a pracer un corner lanzado por Jacobo que toca previamente Stefan. (2-0) Minuto 74: Falta que lanza Cristóbal Juncal, rexeita Adrián Malleiro pero Iago Paz, atento, aproveita para centrar sobre Richi que marca de preto e a porta baleira. (2-1) Minuto 83: Penalti cometido por Pablo sobre Machu que transforma Fran Matos, a pesar de que Lloves chega a tocar o balón.

Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón (Pontevedra). A peor entrada en moitos anos nun partido de liga, con pouco máis de cincocentos espectadores.

VESTIARIOS:

JACOBO MOLINA: "Estou triste e doído polo resultado, pero non polo xogo, porque creo que ofrecemos unha cara positiva -así comezaba a súa visión do partido o técnico visitante-, pero faltounos tranquilidade e pausa nos últimos metros. Condenáronnos dúas xogadas a balón parado, pero tamén a nosa falta de banco que nos limitaba as posibilidades e fixo que cando tiñamos que ir a polo partido nos faltasen as forzas".

MILO ABELLEIRA: O adestrador local non escondía a baixa calidade do partido: "Non foi un partido bo. Estivemos de dez, iso si, nas xogadas a balón parado, pero o resto faltounos a agresividade doutras veces e igual pagamos o esforzo dos últimos partidos nos que rendemos a gran nivel, premendo moi arriba o rival. Claro que faltou intensidade, pero é que non podiamos máis. Nós tiñamos tantas baixas coma eles. Fixen o cambio de Stefan no descanso porque había que reestruturar o equipo para pechar espazos e tocoulle a el, pero non é que o estivese a facer mal".

Con respecto a se a acumulación de partidos podía deixarse notar o próximo domingo, Milo dixo: "Vín á xente prexudicada e teño medo, si, de que nos pase factura en Cangas. Esperemos saber levar ese partido o mellor que poidamos".