Primeira vitoria en liga no que vai do ano para o Marín Futsal, superando pola mínima ao Ourense Envialia nun derbi de altos voos.
Tivo o conxunto local a primeira ocasión do encontro, con Ceci poñendo a proba a Vane aos tres minutos de xogo, mentres o Envialia optaba, co paso dos minutos, por mover ficha para así facerse co mango do xogo pero sen xerar ocasións en área rival. Pola contra, o Marín volvía achegarse á portería de Vane, que se empregaba a fondo para evitar un man a man de Café, a ocasión máis clara para as locais.
Xa na recta final do primeiro acto viu a reacción o Ourense. Judith, en estratexia á saída dun saque de esquina, enviou o esférico a Jenny Lores que sacou unha volea afastada que non entrou.
Máis igualado comezou o segundo tempo, con María León poñendo a proba a Elisa Robles. Chiky tiña a mellor ocasión visitante pouco despois pero chegado o encontro ao ecuador do período, María León adiantou ao Marín despois de culminar unha contra tras un pase moi preciso de Ceci.
Buscou a reacción o Ourense Envialia a tres minutos do final, optando polo xogo de cinco. Tivo o empate nas súas botas Judith nun saque posicional pero o marcador non se moveu, mentres as locais, moi ben posicionadas na recta final, evitaron o tanto rival para sumar tres puntos moi valiosos para a loita pola permanencia en Primeira División.
MARÍN FS (1): Silvia Aguete; María León, Pau, Ceci e Café (quinteto inicial). Tamén xogaron, Gaby, Adriana, Mar, Dani Fleitas e Lucía.
OURENSE ENVIALIA (0): Vane; Laura Uña, Jenny Lores, Chiky e Judit (quinteto inicial). Tamén xogaron, Iria Saeta, María Arias, Sara Moreno, María, Robinha e Elisa Robles (segunda porteira).
Goles: 1-0, min. 32 María León
Incidencias: A Raña. Colexiados, José Manuel Carreira Romero e Rubén Ferrero Carballal. Amoestaron a Jenny Lores, Sara Moreno no Ourense Envialia e Ceci no Marín.