Vitoria insuficiente dun mermado Pontevedra en Bouzas (0-1)

Pontevedra
21 de xaneiro 2016

Os obstáculos eran, ademais do resultado desfavorable e as dificultades que puidese exporlle o rival, as limitacións propias que lle fixeron viaxar a Vigo cun equipo de circunstancias, no que Luisito deu entrada ata a cinco xogadores da canteira, entre filial e xuvenil, xunto ao debutante Vicent, o recentemente fichado porteiro, debendo improvisar un centro do campo absolutamente inédito

Partido de Copa Federación entre Rápido de Bouzas e Pontevedra no Baltasar Pujales
Partido de Copa Federación entre Rápido de Bouzas e Pontevedra no Baltasar Pujales / Club Rápido de Bouzas

Necesitaba pouco menos que un milagre o Pontevedra para acceder á eliminatoria de cuartos de final de Copa Federación, e non se produciu a pesar de conseguir gañar o partido, quedando fóra polo valor dobre dos goles en campo contrario, ao perder no partido de ida disputado en Pasarón fronte ao Rápido de Bouzas (2-3).

Os obstáculos eran, ademais do resultado desfavorable e as dificultades que puidese exporlle o rival, as limitacións propias que lle fixeron viaxar a Vigo cun equipo de circunstancias, no que Luisito deu entrada ata a cinco xogadores da canteira, entre filial e xuvenil, xunto ao debutante Vicent, o recentemente fichado porteiro, debendo improvisar un centro do campo absolutamente inédito.

Aínda así, os granates competiron e rozaron a remontada na segunda parte, tras ser superados polo mellor xogo do Rápido de Bouzas na primeira. No equipo local Xurxo Otero dispuxo dun once máis habitual que o que saltou ao campo por parte granate e iso deixouse notar. Os aurinegros puideron sentenciar neses primeiros 45 minutos, a pesar de que o Pontevedra tamén dispuxo de ocasións, expecialmente unha de Anxo nos primeiros minutos, que non atopou porta.

Coa madeira como protagonista, rexeitando dous remates locais e un do Pontevedra, os de Luisito melloraron notablemente e pasaron a dominar na segunda. Froito desa melloría chegaba o único gol do partido, conseguido por Miki, ao rematar de media volea á saída dun corner.

Quedaba máis de media hora por diante, pero o Rápido de Bouzas aguantou, logrando manter a súa vantaxe e facendo valer o resultado conseguido no partido de Pasarón, o que fai que, tendo en conta todos os condicionantes, a súa clasificación haxa que considerala xusta no cómputo de ambos os partidos.

CLUB RÁPIDO DE BOUZAS (0):Ferré; Pablo Fernández, Toni Benavides (Portas, minuto 60), Ross, Coti; Gaby Misa (Iago Paz, minuto 82), Iago Pérez, Sergio Santos, Marcos; Gustavo Souto e Youssef (Antón Vilas, minuto 67).

PONTEVEDRA CF (1): Vicent; Miguel, Pablo, Bruno, Verdú; Miki (Richard, minuto 84), Tomás, Teti (Ramón, minuto 79), Anxo; Borjas e Abraham.

Árbitro: Álex Mazaira (Ourense) Expulsou ao xogador do Pontevedra, Tomás, por dobre amoestación (minuto 92). Amoestou aos locais Pablo Fernández e Iago Pérez, e aos visitantes Pablo e Borjas.

Goles: (0-1) Minuto 57: Miki.

Incidencias: Campo Baltasar Pujales (Bouzas-Vigo). Partido de "volta" dos oitavos de final de Copa Federación. Uns 200 espectadores.