Vitoria importantísima ante o Novás dun Cisne que ilusiona (22-25)

Pontevedra
14 de setembro 2019

Os de Jabato remontan un choque que ponse costa arriba antes do descanso e fan un segundo tempo de 5-13 que lles permite sumarse os dous primeiros puntos da tempada

Partido entre Cisne e Novás no Rosal
Partido entre Cisne e Novás no Rosal / Club Cisne

O Cisne volve ao rodo. Os pontevedreses viaxaron, esta fin de semana, ao sur da provincia para medirse ao Novás no primeiro partido, e tamén primeiro derbi, da tempada. Despois de algo máis de mes e medio de preparación antes do inicio do curso e, a pesar das baixas importantes de Pablo Picallo, Dani Ramos e Alejandro Conde, os de Jabato conseguiron comezar o ano con vitoria.

A primeira parte comezou de forma moi igualada. Roberto Sánchez 'Bicho' inauguraría o marcador no segundo minuto desde o extremo esquerdo. Acto seguido, Javi Vázquez respondería facendo o seu desde a mesma posición. E tardou en chegar o seguinte. Non sería ata o 6' cando un ex-cisneísta, Carlos Pombo, desfaría o empate, adiantando, así, aos seus por un instante.

Defensas moi duras (sobre todo, por parte do cadro local, lideradas por Maxi Cancio e Miguel Trigo) obrigaban a finalizar desde os exteriores. Con todo, no 15', dúas perdas do equipo visitante foron aproveitadas á perfección polos do Rosal, alcanzando, desta maneira, unha lixeira vantaxe de 3 tantos (8-5). Tempo morto solicitado por Jabato e breve descanso para Andrés Sánchez e Miguel Simón (este último en ataque), que serían substituidos por Álvaro Preciado e Iago Cuadrado. E, aínda que nun principio as cousas parecían cambiar de rumbo con dous tantos consecutivos de Álex Chan, pouco tardou o Novás en volver adiantarse. De novo, Bicho converteuse nunha auténtica dor de cabeza e levou ao seu equipo para adquirir a máxima vantaxe ata o momento (12-8 no 23').

O Cisne, falto de ideas arriba, comezou a sufrir demasiado e calquera erro transformaríase, rapidamente, en contraataques e gol, chegando ao descanso cunha desvantaxe de cinco tantos no electrónico (17-12).

A segunda parte comezou de forma moi positiva para os pontevedreses. Aproveitando unha mala serie dos rosaleiros e realizando un parcial de 1-6 en dez minutos, devolveron, así, a igualdade ao marcador, deixando un final de partido completamente aberto (18-18). A destacar, Jorge Villamarín, que realizou paradas determinantes en momentos moi delicados (por exemplo, durante unha exclusión a Andrés Sánchez). As cales tamén contribuíron, en gran medida, a facer posible un cambio de tornas no 50', onde, por primeira vez, os visitantes poñíanse por diante (20-21). 

Os últimos cinco minutos foron de infarto. O pavillón, apertando como nunca (e como sempre), non foi suficiente para frear a un Cisne completamente enchufado. Ademais, o feito de encaixar, tan só, cinco tantos en 30 minutos terminou por inclinar a balanza cara ao seu lado (parcial de 5-13 na segunda metade).

Finalmente, vitoria importantísima para os de Jabato, que comezan de forma inmellorable unha tempada ilusionante (22-25).

Agora toca manter o ritmo nas próximos cruces, aínda que o míster prefire ir partido a partido. Así que os pontevedreses xa preparan o da próxima semana, no que recibirán no CGTD ao Alarcos Ciudad Real.

Consulta a acta do Atlético Novás-Cisne.