O Pontevedra Club de Fútbol xa ten rival para a segunda rolda da Copa do Rei, e será todo un equipo de Primeira División.
O equipo granate tiña garantido cruzarse cun equipo da máxima categoría tras eliminar o Levante e certificar o seu pase este martes o Valencia e o Getafe.
Isto facía que fosen máis os clubs de Primeira que de Segunda RFEF no bombo, cos que debían emparellarse.
Só quedaban fóra do sorteo o catro equipos que disputan a Supercopa de España (Real Madrid, Barcelona, Athletic Club e Mallorca). Do resto, calquera podía ser o rival.
Este será finalmente o Villarreal CF, equipo adestrado por Marcelino García Toral que ocupa actualmente a cuarta posición na máxima categoría e que aspira a pelexar pola clasificación para a Champions League.
Será a quinta vez que ambos os dous equipos se enfronten en competición oficial, tras coincidir dúas tempadas en Segunda División na década dos 70.
Neses duelos históricos, os granates venceron as dúas veces en Pasarón na campaña 70-71 (3-0) e na 71-72 (2-0).
A falta fixar o horario concreto do choque, este debe disputarse o martes 3, mércores 4 ou xoves 5 de decembro.
Será, como na primeira rolda fronte ao Levante, unha eliminatoria a partido único no Estadio Municipal de Pasarón.