Vilanova-Sanxenxo, Pontevedra-Baiona e Vigo-Vilagarcía, etapas de La Vuelta 2013 nas Rías Baixas

Pontevedra
27 de decembro 2012

Haberá unha cuarta etapa que discorrerá pola provincia de Pontevedra. Sairá da comarca de O Deza, concretamente de Lalín, e chegará ata Fisterra. A Volta 2013 Rías Baixas-Madrid arrincará de Vilanova de Arousa o 24 de agosto

Paso de La Vuelta 2012 por San Vicente do Mar (O Grove)
Paso de La Vuelta 2012 por San Vicente do Mar (O Grove) /

Aos poucos vanse coñecendo máis detalles dunha edición moi especial da Vuelta. A proba ciclista por excelencia en España sairá das Rías Baixas o 24 de agosto de 2013, máis concretamente de Vilanova de Arousa. Iso non é novo, xa o contamos no seu momento en PontevedraViva. Pero por fin coñecemos o percorrido completo que terán as primeiras etapas.

Apenas dúas semanas antes de que se presente o percorrido completo da Vuelta 2013, nun acto público que terá lugar en Vigo o próximo 12 de xaneiro, o Auditorio de Cambados acolleu a presentación das dúas etapas que acollerá O Salnés. Serán a primeira e a terceira da próxima edición. E por primeira vez na historia, todos os concellos da comarca verán pasar a caravana ciclista.

A primeira etapa Vilanova-Sanxenxo (24 de agosto) sairá dunha batea situada nas proximidades do porto de Vilanova. A partir de aí, dirixirase cara á parroquia de Caleiro, antes de emprender camiño cara a Cambados, pasando polo Polígono de Tremoedo. A continuación visitará Dena (Meaño) e, antes de afrontar os últimos quilómetros chegará a Baltar (Portonovo). Desde aí, só queda o paso polo paseo marítimo de Sanxenxo ata a meta, situada no Porto Deportivo Juan Carlos I.

Dous días despois (26 de agosto) terá lugar a etapa Vigo-Vilagarcía. Sairá da cidade olívica e tras pasará por Rande, irá atravesando sucesivamente Moaña, Cangas, Bueu, Marín e Pontevedra. Tralo seu paso pola capital da provincia, porán rumbo cara a Poio pola PO-308. A partir de aí, chegará a Sanxenxo, O Grove, Ribadumia, Meis, Vilagarcía e Vilanova. Entrará e sairá da Illa de Arousa, antes do final de etapa, situado no alto do mirador do Monte Lobeira.

Segundo a Deputación, para que La Vuelta puidese pasar por todo O Salnés, houbo que superar moitas dificultades. Especialmente no caso de A Illa de Arousa, "porque a única vía de entrada ten só dous carrís, o que unido ao feito de que a dimensión do termo municipal de A Illa é relativamente pequeno, complicou moito que os técnicos da proba deran o visto bo".

Ademais destas dúas etapas, outras dúas terán á provincia de Pontevedra como protagonista. Será a segunda etapa, Pontevedra-Baiona (25 de agosto) e a cuarta, Lalín-Fisterra, unha tirada que pasará tamén por A Estrada. Será esta última a que chegará ao Mirador do ÿzaro, un dos grandes atractivos da pasada edición de La Vuelta.

Repercusión económica de La Vuelta

Xunto cos detalles deportivos da proba, a Deputación de Pontevedra quixo poñer en valor a repercusión económica que terá o paso de La Vuelta 2013 por las Rías Baixas. Recorda que se trata dunha proba retransmitida para 178 países de todo o mundo e que, tan só o tempo en pantalla de televisión tería un custo, se se contratase unha campaña publicitaria desa duración, ascendería a máis de 50 millóns de euros.

La Vuelta a España non será un gasto, senón unha inversión con importantes retornos", destacan desde o organismo provincial. Aseguran que cada euro investido suporá un retorno de 10 euros á economía da provincia. Especialmente importante será no sector hostaleiro e turístico, que acollerá a máis de 2.000 persoas en apenas catro días.