Vilagarcía súmase á festa de La Vuelta 2013: acollerá o final da segunda etapa

Pontevedra
25 de outubro 2012

Aínda que non se coñecen moitos detalles da etapa, si transcendeu que atravesará a cidade de Pontevedra camiño de Vilagarcía e que o punto de saída será nalgunha localidade do sur da provincia de Pontevedra

Paso de La Vuelta 2012 por San Vicente do Mar (O Grove)
Paso de La Vuelta 2012 por San Vicente do Mar (O Grove) /

Aos poucos vanse coñecendo máis detalles da próxima edición da Vuelta a España. En PontevedraViva xa vos contamos que Vilanova de Arousa acollerá o día 24 de agosto a saída da 68ª edición da proba ciclista por excelencia no noso país. Ou que Pontevedra será o punto de inicio da terceira etapa. Pero a estas dúas localidades, uniuse unha terceira, Vilagarcía de Arousa. A capital arousana tamén será protagonista na Vuelta.

En concreto, Vilagarcía de Arousa será a meta da segunda etapa da proba. Será o domingo 25 de agosto. Aínda que non se coñecen moitos detalles da etapa, si transcendeu que atravesará a cidade de Pontevedra camiño de Vilagarcía e que o punto de saída será nalgunha localidade do sur da provincia de Pontevedra.

Será polo tanto unha edición na que as Rías Baixas terán moito que dicir. A primeira etapa, unha contrarreloxo por equipos de entre 20 e 30 quilómetros, sairá desde unha plataforma marítima do porto de Vilanova de Arousa e finalizará nunha localidade de O Salnés aínda por determinar. Sanxenxo e O Grove son as grandes favoritas para acoller a meta da etapa inaugural.

A terceira etapa, o luns 26 de agosto, sairá de Pontevedra. Mediante unha saída neutralizada, fará un percorrido dun máximo de oito quilómetros polo centro da cidade. Aínda que o percorrido aínda está por pecharse, será unha etapa que segundo adiantou o alcalde, Miguel Fernández Lores, irá cara ao sur da provincia e probablemente se meta en Portugal. Segundo fontes da organización, barállase Baiona como final desta etapa.

E para rematar, a cuarta etapa, a última que atravesará as estradas da provincia de Pontevedra será o martes 27 de agosto. Terá a súa saída nalgún punto da xeografía pontevedresa aínda por determinar e finalizará, se se cumpren os plans da organización da Vuelta, en Fisterra, previo paso por un dos grandes atractivos da pasada edición, o Mirador de ÿzaro, situado no concello coruñés de Dumbría.