Vilagarcía acollerá entre o 16 e o 19 de abril o Campionato de España Universitario de Vela 2024 no que colaboran a Universidade da Coruña, a Federación Galega de Vela e o Concello de Vilagarcía.
A competición celebrarase nas instalacións do Centro Galego de Vela que a Federación ten no concello vilagarcián e será a primeira vez que teña lugar fóra das augas do Mar Mediterráneo.
Neste senso, foi a Universidade da Coruña a que presentou ao Consello Superior de Deportes (CSD) a solicitude de organización do campionato este ano, co fin de impulsar a actividade náutica na UDC e dar a coñecer ao resto de universidades españolas as instalacións náuticas e augas das rías galegas para a práctica da vela.
Tal e como indicou Cristina Naya, vicerreitora de Divulgación Cultura e Deporte da UDC, solicitouse ao CSD que se puidese chegar á máxima participación de universidades dentro das limitacións do número de embarcacións dispoñibles e dos tres días de competición, pasando a ofrecer 18 prazas en vez das habituais 12 que se distribúen por comunidades autónomas. Finalmente, e xa coa inscrición pechada, confírmase que o número de universidades inscritas é de 14, o que supón un récord de participación respecto a edicións anteriores.
En concreto, as universidades que tomarán parte na competición son a da Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Pompeu Fabra, Alacante, Cádiz, Cantabria, Politécnica de Madrid, Politécnica de Valencia, Politécnica de Cataluña, Oviedo, Murcia, Illas Baleares e Valencia.
Esta edición do Campionato de España Universitario de Vela será, ademais, a primeira que se desenvolverá en condicións de igualdade de xénero con equipos mixtos compostos por catro integrantes: dúas mulleres e dous homes.
En total competirán seis embarcacións da clase Elliot 6M coas que conta a Federación Galega de Vela no seu Centro de Tecnificación de Vilagarcía. O formato da regata será o de flota con xuízo directo no mar, con mangas moi curtas onde se priorizará que cada equipo faga o máximo número de probas.
A competición arrancará o martes 16 coa recollida de acreditacións e adestramentos e, a continuación, o mércores e o xoves terán lugar as regatas clasificatorias. O venres día 19 desenvolveranse as finais xunto coa posterior entrega de premios.
O evento foi presentado este venres na Casa Consistorial de Vilagarcía, nun acto presidido polo alcalde da localidade, Alberto Varela, e no que participaron a vicerreitora de Divulgación Cultura e Deporte da UDC, Cristina Naya; o presidente da Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde; o presidente da Fundación de Deportes de Vilagarcía, Carlos Coira; a directora de Deportes da UDC, Marta Bobo; e o coordinador da Área de Deportes da UDC, Manuel Moya.