VÍDEO.- O Arosa promociona en Santiago o derbi ante o Compostela

O Salnés
02 de decembro 2021

"A xente de Santiago ata Vilagarcía sempre se achegou, creo que vai haber unha boa entrada o domingo", asegura Mon, xogador compostelán do Arosa e que vivirá o domingo na Lomba unha xornada especial

Mon e Samu promocionan en Santiago o Arosa-Compostela
Mon e Samu promocionan en Santiago o Arosa-Compostela / Arosa SC

O deste domingo 5 de decembro (17.00 horas) na Lomba, será un duelo especial para Mon, futbolista santiagués do Arosa que se medirá ao seu ex-equipo, o Compostela, no que pasou 7 tempadas entre xuvenís, Terceira e Segunda B.

Trátase dun duelo rodeado dunha gran expectación, e é que "a xente de Santiago ata Vilagarcía sempre se achegou, creo que vai haber unha boa entrada o domingo. Creo que o pasan ben vindo a Vilagarcía, sempre hai bo rollo", defendeu o centrocampista nun divertido vídeo promocional do choque elaborado polas rúas da zona vella compostelá.

"É o equipo que me deu a oportunidade de xogar ao fútbol, téñolles un agarimo especial", asegurou Mon acompañado de Samu, un dos capitáns do Compostela e con quen compartiu vestiario "desde infantís".

"Sempre que imos á Lomba mobilízase moita xente. É un campo que como xigador mola xogar porque hai un ambiente bo de fútbol", explica á súa vez  Samu.

Tanto é así que, polo menos, xa hai confirmada a presenza de 90 seguidores santiagueses, con entradas enviadas directamente polo Arosa ao propio Compostela, achegando así todos os ingredientes necesarios para que se viva na Lomba toda unha festa do fútbol galego.