VÍDEO.- Mateo Arias anuncia a súa renovación co Cisne ata 2025 cunha emotiva mensaxe

Pontevedra
08 de maio 2023

O canteirán, unha das pezas importantes do equipo pontevedrés este ano en Asobal, seguirá a súa carreira "en casa", prolongando a súa vinculación por dúas tempadas máis. Do mesmo xeito que a pasada campaña, convértese na primeira peza confirmada para o novo proxecto cisneísta

Mateo Arias, no partido de Copa do Rei entre Cisne e Ángel Ximénez
Mateo Arias, no partido de Copa do Rei entre Cisne e Ángel Ximénez / Mónica Patxot

O Club Cisne Balonmán comezou a dar os primeiros pasos para confeccionar o seu próximo proxecto deportivo, que todo apunta terá que ser na División de Honra Prata ao ser xa mínimas as súas opcións de permanencia na Liga Asobal.

Será de novo un proxecto apegado á canteira, e así o demostra que a primeira renovación, de igual maneira que aconteceu hai un ano, é a dun xogador que defendeu a camiseta do Cisne desde moi pequeno, Mateo Arias.

O extremo prolongou a súa vinculación polo Cisne por dúas tempadas, ata 2025, e anunciouno nun emotivo vídeo compartido polo club no que se mesturan imaxes de Mateo na canteira e tamén no primeiro equipo.

"Desde que cheguei ao club sempre tiven un mesmo obxectivo, traballei coa máxima ilusión aprendendo de cada un dos meus compañeiros e adestradores. Nunca esquecerei a miña primeira vez no Municipal e poder celebrar convosco cada gol, cada fin de semana", explica. "Por eso decidín renovar o meu contrato aquí, na miña casa".

Reter ao extremo esquerdo, de 21 anos, era unha das principais prioridades do Cisne tras a esperada saída doutro dos símbolos da súa canteira como é Carlos Álvarez, que xogará en Ademar de León.