VÍDEO.- Jean Marie Okutu logra clasificarse para os Xogos de Río ao saltar 8,17 metros

Marín
10 de xullo 2016

O atleta de Marín lograba o billete en Monachil (Granada) durante este domingo mellorando en 13 centímetros a súa mellor marca e superando en 2 centímetros o mínimo establecido para ir ás Olimpiadas

O salto que clasifica a Jean Marie Okutu para Río / Federación Española de Atletismo

Era a súa última oportunidade para clasificarse para os Xogos Olímpicos de Río de Xaneiro e finalmente conseguiu superar a mínima. O atleta de Marín Jean Marie Okutu saltou 8,17 metros batendo o seu propio récord, que se atopaba en 8,04, durante a proba disputada no Centro de Alto Rendemento de Sierra Nevada, Selecta, durante este domingo.

Este ano non lograra superar en ningunha das probas os 8 metros e parecía moi difícil que puidese obter a marca mínima requirida de 8,15 metros para poder acudir ás Olimpíadas.

Con este salto mellora en 13 centímetros a súa marca persoal tras sufrir unha decepción no Campionato Europeo de Amsterdam, onde quedou fóra da final cun salto de 7,80 metros.

Agora, o atleta marinense estará entre os mellores nas Olimpíadas que comezan no mes de agosto.