O Pontevedra Club de Fútbol non puido certificar en Salamanca o ascenso matemático a Primeira RFEF, pero o seu triunfo no Estadio Helmántico déixao xa ao bordo de conseguilo e dependendo de si mesmo.
Unha vez finalizado o encontro e co tres puntos no peto, tocaba esperar a que finalizase o encontro entre Numancia e Ávila, xa que un empate supuña conseguir o obxectivo a tres xornadas para o final.
Esa espera físxose máis breve cun bonito momento cos ao redor de 400 afeccionados pontevedreses desprazados a Salamanca, e que gozaron de xeito abondo desde un dos fondos do estadio.
No Helmántico soou 'La Morocha', banda sonora da tempada no vestiario granate, e tamén outros moitos cánticos mostrando a unión entre futbolistas e seguidores, tal e como inmortalizou e compartiu en vídeo o club a través das súas redes sociais.
La morocha también sonó en el Helmántico 🕺♥️
— Pontevedra CF 🦴 (@PontevedraCFSAD) April 13, 2025
Nos vemos el próximo domingo en Pasarón, granates 😍🏟️#NonPararAtaVoltar ♥️ pic.twitter.com/ffonbq9BDb
Os xogadores, no medio da éxtase, até realizaron unha vídeochamada co seu compañeiro Pelayo Suárez, lesionado de gravidade, para facerlle partícipe do feliz momento.
Pronto chegaron noticias desde Soria do segundo gol do Numancia (2-0 acabou o partido), que pospuña de maneira oficial o ascenso, pero pouco importou. A alegría xa se desbordou entre todos os pontevedreses presentes en Salamanca e entre o propio Pontevedra, que seguiu festexando no vestiario.
Ademais así se lles abre a posibilidade de conseguir o ascenso matemático na casa, no Estadio Municipal de Pasarón, cos seus.
Todo nunha xornada que debe ser unha festa e na que xa non hai que mirar a outros campos. Se o Pontevedra vence o pechacancelas e xa descendido Laredo o vindeiro domingo 20 de abril (17.00 horas) será oficialmente equipo de Primeira RFEF e porá o broche a unha tempada para o recordo.