A tres días dunha histórica final do Campionato do Mundo, a Real Federación Española de Fútbol compartiu este venres unha entrevista en vídeo cunha das máximas protagonistas da Selección Española no Mundial, a pontevedresa Teresa Abelleira. Todo desde un punto de vista moi persoal, no que ademais das súas impresións para a gran final fala da súa afección pola fotografía ou da súa familia, presente estes días en Australia.
"No momento que che din que vas convocada pero que é en Australia, o primeiro que se che pasa é que pena non compartilo de preto coas túas persoas máis queridas e que estean aquí é brutal. Ela (a súa nai) leva tempo dicindo que se vai a traer de aniversario a Copa e oxalá llo podamos dar", explica Tere, e é que a súa nai cumpre anos o día do partido decisivo, o vindeiro domingo 20 de agosto.
"Quedan tres días de campionato, só quero pensar niso. É verdade que este Mundial deu un paso adiante ao fútbol feminino pola organización, e a visibilidade que está a ter é incrible. Tamén agradecer a todas esas xogadoras que loitaron tanto tempo e anos atrás, e dunha forma moi intensa para que hoxe podamos vivir un Mundial así, porque sen elas é verdade que isto non sería posible", afirma a centrocampista.
En canto ao partido polo título fronte a Inglaterra "ao final é verdade que che dá o gusanillo de que é a final dun Campionato do Mundo, pero tampocpo témonos que volver tolas, facer nada extraorinario. Sabemos o que temos que facer, un pouco o de sempre, que as rutinas non cambien moito e afrontalo coa ilusión do partido pero sabendo que non deixa de ser un partido máis", defende Tere.
Na entrevista a futbolista pontevedresa fala tamén das súas afeccións, como a fotografía, que "sempre me gustou pero desde que naceu a miña afillada era todos os días foto. Desde que chegou é algo que dá unha chea de alegría", recoñece.
Ademais, do mesmo xeito que o número da súa camiseta (3) é a terceira irmá na familia e "temos a broma, que eu son a terceira e son a que ten menos fotos dos meus irmáns, así que todo o que vexo nos estadios ou ao chegar aos partidos mándolles unha foto".
Claro que iso é fóra do terreo de xogo, dentro só pensa en seguir mellorando no mundo do fútbol, co soño de converterse o vindeiro domingo en toda unha campioa do Mundo. A súa familia, amigos e veciños estarán con ela, no estadio nalgúns casos pero sobre todo na distancia seguindo as súas evolucións na casa, no bar ou nas pantallas xigantes que se instalarán en diferentes puntos da comarca.
@teresabelleira:
— Selección Española Femenina de Fútbol (@SEFutbolFem) August 17, 2023
Su amor por la fotografía.
Así ve la final ante Inglaterra.
El domingo es el cumple de su madre.#JugarLucharYGanar I #FIFAWWCpic.twitter.com/chEg6jy2l5