Vida extra ata final de ano para evitar o peche de Rías do Sur

Pontevedra
29 de novembro 2022

A Fundación Rías do Sur decidiu dar un mes máis de marxe aos clubs que alí adestran, asumindo os custos de manter aberta a instalación, para tentar buscar unha solución que permita non só manter en funcionamento o vaso de 25 metros senón encher por fin a piscina olímpica 

Exterior do Complexo Deportivo Rías do Sur de Ponte Muíños
Exterior do Complexo Deportivo Rías do Sur de Ponte Muíños / PontevedraViva

Balón de osíxeno para os clubs deportivos da cidade que adestran no complexo deportivo de Ponte Muíños. A Fundación Rías do Sur decidiu pospoñer un mes a data establecida para pechar as instalacións por non poder asumir os custos derivados do seu mantemento, unha data que fora fixada inicialmente para este mércores 30 de novembro.

"Comunicámoslle aos clubs que a Fundación vai facer un esforzo dando unha prórroga do mes de decembro. Imos facernos cargo dos custos ata final de ano a ver se mentres atopan unha solución", explica a PontevedraViva o presidente de Rías do Sur, Héctor Vilariño.

"Levamos desde o 8 de setembro quentando a auga e correndo con absolutamente todos os gastos de mantemento da piscina de 25 metros", defende Vilariño sinalando que aínda que o vaso da piscina olímpica de 50 metros está xa en perfectas condicións "non se encherá de momento" ante a incerteza actual.

Vilariño cifra o custo mensual para manter a piscina pequena do complexo "entre os 10.000 e os 12.000 euros".

É a cantidade que se lle pide aos clubs que como o Natación Galaico e o Galaico Sincro están actualmente adestrando en Rías do Sur desde o inicio do curso, unhas entidades deportivas que viven no arame e que levan días elevando a voz de alarma ao entender que se quedan sen espazo en Rías do Sur volverán os "adestramentos precarios, masificación de láminas de auga e baixas masivas", situación que pode comprometer seriamente o seu futuro.