Victoria granate no Vao para crer (0-2)

Pontevedra
08 de outubro 2023

Suma e segue o Pontevedra Club de Fútbol, que este domingo logrou por fin a súa primeira vitoria a domicilio esta tempada e deixa atrás as pantasmas que lle perseguían desde había meses

O Pontevedra celebra o 0-1 de Yelko no partido contra o Coruxo no Vao da tempada 23-24
O Pontevedra celebra o 0-1 de Yelko no partido contra o Coruxo no Vao da tempada 23-24 / David Rodiño / Pontevedra CF SAD

Suma e segue o Pontevedra Club de Fútbol, que este domingo logrou por fin a súa primeira vitoria a domicilio esta tempada e deixa atrás as pantasmas que lle perseguían desde había meses.

Foi un triunfo cómodo na casa do Coruxo, onde os granates ofreceron unha boa versión e practicamente non sufriron en tarefas defensivas, aproveitando á súa vez as chegadas a área rival para facerse con tres importantísimos puntos.

Comezou o partido non demasiado ben para os granates. Cumpríronse tres minutos de xogo e o colexiado amoestaba con amarela a Toño tras agarrar a un xogador do Coruxo no medio do campo. Tarxeta que se podía aforrar ao non ter perigo a xogada rival.

Co paso dos minutos era o Pontevedra o que gozaba de máis chegadas a área rival pero sen causar excesivo perigo ata que se chegou ao ecuador do primeiro tempo. Balón en longo a banda esquerda desde a liña defensiva, Yelko interceptou o despexe de Mario, apertura a Chiqui, que devolveu ao 10, e este con a dereita bateu a Adri para adiantar os seus.

O máis difícil xa estaba feito, e co marcador a favor o conxunto granate apostou por xogar máis tranquilo para evitar meterse en leas e pelexando cada balón que recibía o conxunto vigués e así procurar mantelo afastado da portería de Edu Sousa.

Desta forma, os achegamentos claros brillaban pola súa ausencia e non chegaron ata alcanzada a recta final do primeiro tempo. Primeiro os de Yago Iglesias avisaron cunha chegada de Bastos pola esquerda que Rufo finalizou de primeiras desde o punto de penalti e, pouco despois, o Coruxo gozou da súa oportunidade máis clara ata o momento. Defendeu mal o Pontevedra, Aritz conduciu ata a media lúa, xutou, o esférico deu nun defensor granate, pero Edu Sousa, moi atento, realizou unha boa estirada para evitar o empate.

E antes do descanso, nunha rápida transición, ameazou tamén Chiqui, pero estaba demasiado encimado por un defensor local e o seu disparo foise rozando a madeira. 

Tras a continuación, os primeiros en avisar foron os locais, que aproveitaron un erro defensivo do Pontevedra. Centrou Álvaro Neveira, o balón quedou morto dentro da área e David tentou enganchalo, pero a xogada estaba invalidada polo colexiado.

A pesar de que foi o Coruxo o que saíu mellor dos vestiarios, pouco tardaron os de Yago Iglesias en volver entoarse. Rufo abriu a Bastos, que se plantou un tanto escorado en área rival, e o seu chute parouno o gardameta. Tamén Mario Gómez probou fortuna tentando sorprender a Adri cun disparo afastado, pero o gardameta vigués atallou en dous tempos.

E despois de avisar en repetidas ocasións, por fin os granates deixaron atrás a falta de acerto a domicilio para facer o segundo gol da tarde. Yelko fíxose co coiro, conduciu ata tres cuartos de campo e enviou ás costas da defensa, onde apareceu Ángel Bastos entre liñas para plantarse diante do porteiro e resolver cunha magnífica picada.

O partido xa collera o rumbo que o Pontevedra quería e xogou moi cómodo a última media hora de partido. O ritmo baixou excesivamente a pesar das rotacións do Coruxo que a pesar de tentar sorprender aos visitantes, a defensa estivo moi ben colocada en todo momento e despexaba cada envío do equipo local.

Desta forma, os de Yago Iglesias contiveron o resultado sen pasar apuros, logrando así a súa primeira vitoria a domicilio da tempada e seguir escalando posicións.

CORUXO FC (0): Adri, Dani Pereiro, Andriu, Dani Vidal, Guido (David Añón, min. 60), Aritz, Davo (Vander Telles, min. 73), Mateo, Mario, Naveira (Bugarín, min. 73) e Pitu.

PONTEVEDRA CF (2): Edu Sousa, Ángel Bastos, Churre, Mario Gómez (Hermelo, min. 83), Toño, Rufo, Yelko, Chiqui (Álex González, min. 78), Dalisson (Charly, min. 63), Garay e Zabaleta.

Goles: 0-1, min. 15, Yelko Pino. 0-2, min. 60, Ángel Bastos.

Incidencias: Partido entre Coruxo FC e Pontevedra CF correspondente á xornada 6 de Segunda RFEF disputado no Vao.