Verducido pon en xogo as últimas prazas para o Mundial de piragüismo de Moscú

Pontevedra
04 de xullo 2014

A pista do Pontillón do Castro acolle o último selectivo de canoa. David Cal, entre os inscritos para unha cita que se disputará durante a mañá do sábado no encoro pontevedrés

David Cal competindo nas semifinais de C-1 1000m nos Xogos Olímpicos de Londres
David Cal competindo nas semifinais de C-1 1000m nos Xogos Olímpicos de Londres

A pista olímpica de Pontillón do Castro, en Verducido, acolle este sábado o último control selectivo na modalidade de canoa de cara ao Campionato do Mundo de Piragüismo en Augas Tranquilas de Moscú.

As últimas prazas para a cita mundialista, que se celebrará na capital rusa entre o 6 e o 10 de agosto, se poñerán en xogo no encoro pontevedrés, e entre os padexeiros que buscan a súa clasificación se encontra o cinco veces medallista olímpico David Cal.

A súa distancia, o C-1 1.000 metros será a primeira en disputarse, ás 10:00 horas, coa presenza tamén de Sergio Vallejo (Piragüismo Poio), José Luis Bouza (Kaiak Tudense) e José Manuel Sánchez (Ría de Betanzos).

Tamén sobre 1.000 metros, pero co C-2, buscará o seu pasaporte para o Mundial o tándem do Breogán do Grove formado por Diego Romero e Tono Campos. Será ás 12:00 horas con rivais como David Costas e Brais Casas (Kaiak Tudense) e André Oliveira e Yeray Picallo (Firrete).

Mesmos rivais terá o dúo composto por Adrián Sieiro (Piragüismo Poio) e Jacobo Lores (Breogán) no C-2 200 metros, fixado para as 12:30 horas.

A xornada pecharase ás 13:00 horas co C-1 5.000 metros, no que competirán Diego Romero, Tono Campos e José Luis Bouza.

O SELECTIVO DE KAIAK, EN TRASONA

A modalidade de kaiak repartirá tamén as últimas prazas para o Mundial noutro selectivo no encoro de Trasona Asturias.

Alí estará a padexeira do Breogán Natalia Martínez na proba de K-1 200 metros.

Outros piragüistas da provincia serán Carlos Pérez 'Perucho' (Piragüismo Aldán), Carla Pérez (Kaiak Tudense) e Raquel Dacosta e Camila Morrison (Pontecesures).