Con uñas e dentes agarrouse o Arxil ao partido ante o Lima-Horta Barcelona para sumar na prórroga un imporante triunfo (72-68) que lle consolida na cuarta praza da Liga Feminina 2.
As verdes terminaron impoñéndose no tempo extra nun duelo de alternativas, no que remontaron unha leve desvantaxe nos minutos finais do tempo regulamentario.
A igualdade foi a tónica predominante na pista do Centro Galego de Tecnificación Deportiva desde o primeiro cuarto (17-15), aínda que o cadro visitante logrou ir con vantaxe ao descanso (33-35).
María Centeno, con 21 puntos, resultou fundamental no ataque pontevedrés, secundada por Waleska (15) e Keita (12) e restando importancia á curta rotación arxilista para evitar que as barcelonesas se escapasen no electrónico.
Tentárono mediado o terceiro parcial (39-44) e ao comezo do cuarto (49-53), pero en ambos os casos as locais evitárono con intensidade no xogo.
Despois, tras un emocionante final que puido decantarse para os dous lados, o Arxil mostrouse máis acertado na prórroga pechando a que é a súa terceira vitoria en catro partidos de liga.
Consulta aquí as estatísticas do Arxil-Lima Horta Barcelona.