O Pavillón Municipal e a afección teucrista foi testemuña dunha nova vitoria do seu equipo que lles fai crer na permanencia. A Sociedade Deportiva Teucro recibiu este sábado ao Sarrià para disputar un duelo no que foron por diante en todo momento pero non foi ata despois do descanso cando pisaron o acelerador para aumentar a súa vantaxe e facerse con outros dous puntos.
Manuel Iglesias e Samu Pereiro abriron a lata para poñer ao Teucro cunha vantaxe de dous puntos nada máis comezar o partido. O Sarrià igualou no minuto 5 (3-3), dando paso aos instantes de maior igualdade onde cada gol dos locais era respondido polo rival. Sen máis pena nin gloria chegouse ao final da primeira metade onde o Teucro aproveitou a superioridade numérica concedida no último minuto para poñer o marcador en 15-13.
Tras o intermedio, Roi Sierra e Samu Pereiro, moi acertados cos seus lanzamentos, puxeron o 17-13 nun partido no que parecía que os dous puntos ían quedarse na casa.
Seguiron anotando os de Irene Vilaboa e co 20-15 ( min. 9) e tras case cinco minutos sen ver portería, o técnico visitante decidiu pedir un tempo morto que serviu de pouco. O Teucro volveu golpear, esta vez cos goles de Diego Martínez e de Remeseiro, pisando así o acelerador para irse coa maior vantaxe ata o momento (22-15).
O dominio era teucrista e o partido estaba case sentenciado. Non puido o Sarrià recortar distancias ata despois do ecuador da segunda metade onde tan só puideron poñerse a cinco goles dun Teucro moi acertado en ataque.
Co marcador controlado seguiron pasando os minutos. Os locais fixeron a diferenza superior en ata oito goles a falta de cinco minutos para o bocinazo final (34-26) e, cos dous puntos no bote, relaxáronse. Foi nese momento cando o Sarrià aproveitou para maquillar o resultado e poñer o 34-28 co que se alcanzou o final do encontro