Despois do gran sabor de boca deixado polo 'Dream Game' entre Real Madrid e AS Mónaco, o Pavillón Municipal dos Deportes foi escenario este venres da primeira xornada do IX Torneo EncestaRías.
Cun gran ambiente nas bancadas o público pontevedrés puido gozar de tres equipos da Liga ACB compartindo cartel co propio Mónaco, campión francés.
O partido encargado de abrir o torneo foi o duelo entre o recentemente ascendido Leyma Coruña e o Valencia Basket, no que o conxunto levantino mostrou o poderío dun proxecto que aspira esta tempada a grandes cousas da man de Pedro Martínez.
O Valencia cimentou o seu triunfo cun notable primeiro cuarto (18-30), e foi controlando e ampliando a súa renda aos poucos para levar o partido por un marcador final de 85-108.
Cun finalista xa decidido, faltaba por coñecer quen sería o seu opoñente este sábado, e cumprindo os prognósticos o Mónaco superou o Breogán de Lugo na segunda semifinal do torneo, aínda que o conxunto francés tivo que suar para derrubar a resistencia galega.
Tras un inicio con escaso acerto ante o aro (11-14 no primeiro cuarto), o Mónaco mantivo o mando chegando ao descanso cun tenteo de 25-32 que para nada era decisivo. De feito o Breogán chegou a poñerse por diante a dous minutos do final dun terceiro cuarto que se pechou nun 49-46.
Restaban dez minutos e a moeda podía caer para calquera lado, pero acabou decantándose por un Mónaco que terminou vencendo nun apertado desenlace por 61-63.
O IX Torneo EncestaRías continúa este sábado coa súa xornada decisiva, co partido polo terceiro e cuarto posto ás 18.00 horas (Leyma Coruña-Breogán) e a gran final prevista para as 20.15 horas (Valencia Basket-Mónaco).